CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Gran festa no 'Bamboleo' deste sábado, coas actuacións de Raúl, Pili Pampín e a orquestra Marbella

15/01/2022

Coma cada semana, o programa presentado por Xosé Manuel Piñeiro contará coas súas seccións habituais e coa participación dos colaboradores Tamara Pérez, Claudio Pan e Isi

Gran festa no 'Bamboleo' deste sábado, coas actuacións de Raúl, Pili Pampín e a orquestra Marbella

Santiago, 15.01.2022.-    ‘Bamboleo’ (22.40 h) preséntase esta noite ante os seus seguidores e toda a audiencia da Televisión de Galicia cunha gran festa. Hoxe está convidado ao programa o cantante vitoriano Raúl. Despois de 20 anos sobre os escenarios, continúa cunha célebre carreira musical, en que destacan temas como ‘Sueño su boca’ ou ‘As de corazones’. Hoxe Raúl presentará temas novos e compartirá diversión no programa cunha estrela da  canción galega: Pili Pampín.

Á festa sumarase a orquestra Marbella, que traerá unha coidada selección da música máis verbeneira. E baile moi profesional será o que traerán Pedro e Noelia, unha parella de Vigo, que levan dous anos triunfando alén das nosas fronteiras.

Como cada sábado, os colaboradores porán a proba os convidados no ‘Sobes ou baixas’ cos vídeos de Tamara Pérez e os orixinais xogos que trae Claudio Pan. Estará tamén o furacán de Arca, Isi, que contará unha nova e divertida anécdota.   

Eva Serantes e José Manuel Varela serán os participantes no ‘Agora ou nunca’. Interpretarán os temas ‘When we were young’, de Adele, e ‘Galilea’, de Sergio Dalma. No karaoke de ‘A jrileira’ para entidades deportivas participarán o Amio Sociedade Deportiva e o Club de Baloncesto Allariz. Primeiramente, deberán cantar o tema ‘Si por mi fuera’, de Beret, e posteriormente terán que adiviñar o maior número de intérpretes en minuto e medio.

Finalmente, a ‘ITV do amor’ porá a proba a unha parella de namorados que queren gañar o premio que hai en xogo e para iso terán que enganar un participante de público. É a proba máis picante do programa, en que colaboradores, público e a xente da casa saca as súas propias conclusións.