CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Gayoso e o público festexan o Entroido nun "Luar" especial en que, amais, se celebrará un concurso de comparsas

09/02/2018

Á música de Antonio Carmona, Verónica, Los Chunguitos ou a Real Banda de Gaitas de Ourense, súmase a participación de folións, chocalleiros e filloeiras no espazo

Gayoso e o público festexan o Entroido nun "Luar" especial en que, amais, se celebrará un concurso de comparsas

Santiago, 09.02.2018.-  Esta noite, “Luar” (22.00 h.) recende a filloas e a sons típicos do Entroido. Hoxe Don Carnal entrou de cheo nos fogares galegos e na Televisión de Galicia. De feito, o equipo ao completo e o público farán partícipes os espectadores desta celebración, que enche as rúas de numerosas localidades galegas, cos seus disfraces, a música dos convidados e a animación propia destas datas.

Un ingrediente que non pode faltar neste festexo é a diversión das comparsas, que percorre as localidades da mañá á noite. Por iso, este venres o programa recibirá unha boa mostra destas agrupacións musicais para participar nun concurso, en que o gañador obterá un premio de 1.000 euros. No transcurso do mesmo tamén serán protagonistas os chocalleiros de Vilardevós, as filloeiras de Lestedo e o Folión de Buxán.

“Luar” contará, amais, coma é costume con variados artistas convidados. Polo seu escenario pasará o cantante flamenco Antonio Carmona; o grupo de rumba Los Chunguitos; Verónica Romero, que se deu a coñecer tras o seu paso por un coñecido programa de televisión; a Real Banda de Gaitas de Ourense; Sito Sedes, o cantante de Los Satélites; a orquestra Grupo Garibaldi; a asociación cultural Lembranzas da Ría, de Cangas; o grupo folclórico Alegría Berciana, e a agrupación Luz de Ilicinio, de Boqueixón.

Desenvolverase, amais como cada venres, unha nova edición do certame de talentos Recantos, en que competirán coas súas voces Leshka, de Lugo, e O Chylava, de Terras do Eume, e do concurso telefónico, cuxo bote está en 7.000 euros.