CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Gastrópodos" remata a súa andanza cunha final trepidante en Monforte de Lemos

13/01/2018

É alí onde os dous cociñeiros do programa, Antonio Botana e Beatriz Sotelo, dilucidarán cal é o gañador no duelo que están a levar nas cociñas do autobús do programa

"Gastrópodos" remata a súa andanza cunha final trepidante en Monforte de Lemos

Santiago, 13.01.2018.-    Despois dunha intensa xira por Galicia, o programa “Gastrópodos” (19.20 h.) baixa hoxe o pano de fondo na vila de Monforte de Lemos. É alí onde os dous cociñeiros do programa, Antonio Botana e Beatriz Sotelo, dilucidarán cal é o gañador no duelo que están a levar nas cociñas do autobús do programa.

Para esta fin de temporada, os dous presentadores, Marta Doviro e Antón Lezcano, prepararán algunha sorpresa para comprobar os recursos que teñen cada un dos dous cociñeiros. Coma sempre, os dous equipos que se formarán nesta final van ter que facer a compra no mercado de abastos da vila de Monforte de Lemos, un espazo que acaba de ser rehabilitado para darlle un pulo ao comercio de proximidade.

Tamén haberá tempo de perderse pola vila para coñecer o que se garda no Museo do Ferrocarril e tamén de coñecer o Centro do Viño da Ribeira Sacra, un espazo onde se divulga todo o que ten que ver coa viticultura asociada á denominación de orixe Ribeira Sacra.

Para decidir cal dos dous cociñeiros será o gañador neste último programa da serie os convidados que farán de xurado popular serán unha representación do Club de Piragüismo Quixós de Monforte de Lemos. Na gran final de “Gastrópodos” tampouco faltará a presenza dos dous pinches de cociña que axudarán os cociñeiros. Desta volta o casting do programa foi feito no CIFP Compostela, unha escola de cociña e hostalería que en 2017 fixo o seu 50 aniversario.