CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Galicia por Diante' especial, este martes desde a praza María Pita da Coruña

12/08/2019

Con motivo das festas patronais, o magazine da Radio Galega pulsará, en directo, o ambiente que se vive na cidade, o programa das festas e música, entre outros contidos

'Galicia por Diante' especial, este martes desde a praza María Pita da Coruña

Santiago, 12.08.2019.-  O equipo do ‘Galicia por Diante’, dirixido por Kiko Novoa, deixa por un día o estudio da Radio Galega e sitúa este martes o seu set na praza María Pita da Coruña para recoller a actualidade da cidade, que durante todo este mes de agosto celebra as súas festas patronais.

Desde as 09.30 ata as 14.00 horas, o magazine da emisora pública galega pulsará o ambiente festivo e estival na Coruña a través de conexións con distintos puntos da cidade. No estudio móbil da RG conversarán sobre a extensa programación cultural e as actividades das Festas de María Pita coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e coa directora do Consorcio de Turismo de Galicia, Nava Castro, falarase tamén sobre o impacto do turismo.

O versátil artista Xurxo Souto achegarase aos micros da Radio Galega para contar historias curiosas sobre a cidade. Tamén o actor Suso Martínez intervirá caracterizado dun personaxe coñecido e o xornalista Rubén Ventureira, autor do calendario histórico anual sobre a cidade herculina, falará dos feitos históricos de relevancia que destaca no seu almanaque.

Nesta visita do ‘Galicia por Diante’ á Coruña é de obriga falar sobre o Deportivo, en concreto, con Míriam, a capitá do Real Club Deportivo Abanca, que esta temporada xoga na máxima categoría do fútbol feminino, e sobre as propostas e contidos dos Museos Científicos coruñeses, co seu director Marcos Pérez.

Nesta edición especial, a multiinstrumentalista Lydia Botana, natural de Culleredo, ofrecerá algún dos seus temas musicais máis recentes.