CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Galicia en Goles' regresa este sábado coa programación habitual da fin de semana

04/06/2020

O programa deportivo da Radio Galega volve ao seu horario convencional e seguirá de preto aos tres equipos galegos de fútbol profesional

'Galicia en Goles' regresa este sábado coa programación habitual da fin de semana

Santiago, 02.06.2020.- Galicia en Goles’ recupera a programación habitual da fin de semana desde o sábado 6 de xuño. Co reinicio da Liga de Fútbol, o programa volve ao horario convencional, de 15:00 a 23:00 horas. Con Xoán Galán estarán nos estudios de San Marcos Rodrigo Pérez e o humorista David Noya, xunto ao equipo de locutores, reporteiros e analistas espallados polos campos onde compitan os nosos equipos.

A volta da Liga de Primeira e Segunda será o xoves 11 de xuño, aínda que os equipos galegos non saltarán ao terreo de xogo ata o sábado 13, co Celta-Vilarreal e o Rácing de Santander-Lugo, e o domingo 14 se xogarase o Deportivo-Sporting de Xixón. Días despois, o martes 16, o Lugo recibirá o Zaragoza, e o mércores 17, o Celta visitará o Valladolid, e o Deportivo, o Oviedo. Nestes dous días de competición entre semana, o ‘Galicia en goles’ comezará ás 19:00 h e rematará ás 22:00 horas

Desde este sábado ‘Galicia en goles’ irá quentando motores co seguimento aos tres grandes e, ademais, visitará os clubs máis modestos, que unha vez rematados os seus campionatos dan o salto de categoría en Galicia.

Durante os meses de xuño e xullo, en que se van celebrar as once xornadas que restan, a programación deportiva da Radio Galega queda deste xeito:

  • Zona mixta’, de luns a venres, de 15:00 a 16:00 horas.
  • Ao contraataque’, de domingo a xoves, de 23:00 a 23:59 horas.
  • Galicia en goles semana’, dependendo dos horarios en que xoguen os equipos galegos o programa comezará ás 19:00 h ou ás 21:00 h.
  • Galicia en goles venres’, de 20:30 a 23:59 horas.
  • Galicia en goles fin de semana’, de 15:00 a 23:00 horas, aínda que dependendo da importancia do partido da última hora o programa prolongaríase ata a medianoite, polo que se verían afectados na súa emisión regular a revista do motor ‘Gas a fondo’ e o programa olímpico ‘Galicia en Toquio’.

 

Todas as emisións deportivas da Radio Galega chegan á audiencia a través da FM e tamén pola TDT, páxina web radiogalega.gal, aplicacións móbiles como Radioplayer España, os altofalantes intelixentes Alexa e a calquera hora cos podcast dispoñibles na web e nas contas de Twitter @galiciangoles @RgZonamixta e @aocontraataque.

..................................