CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Fútbol, baloncesto e Cabalgatas de Reis no primeiro 'Galicia en Goles' do 2020

02/01/2020

O venres comezan as retransmisións co derbi da LEB Ouro de baloncesto entre o Basket Coruña e o Club Ourense Baloncesto, mentres que o sábado reinan as emisións dos encontros futbolísticos

O domingo, a partir das 20:00 h, toda a atención xirará arredor do Celta-Osasuna, en Balaídos

Fútbol, baloncesto e Cabalgatas de Reis no primeiro 'Galicia en Goles' do 2020

Santiago, 02.01.2020.- O primeiro 'Galicia en goles' do ano 2020 chega este venres ás 20:30 h. Pedro Pablo Alonso conduce a retransmisión do derbi da LEB Ouro de baloncesto entre o Basket Coruña e o Club Ourense Baloncesto, desde Riazor.

O sábado, ás 15:00 h, Xoán Galán dirixe a sesión de tarde centrada no Lugo-Almería, da Segunda División A. O Racing de Ferrol-Rayo Majadahonda e o Pontevedra-Inter, de Segunda B, tamén terán protagonismo, xunto aos encontros adiantados da Terceira. No polideportivo destaca o Unicaja-Obradoiro, desde Málaga, na Liga ACB de baloncesto.

O domingo, a edición matinal principia ás 11:45 h co Numancia-Deportivo, en que debuta Fernando Vázquez á fronte do equipo coruñés. Na Segunda B xóganse dous partidos: Getafe B-Celta B e Coruxo-Sanse. Ademais, no Couto, enfróntanse os dous mellores equipos da Terceira, o Ourense CF e o Compostela.

A partir das 15:00 h, a atención estará posta primeiro nos encontros da Terceira, entre os que destaca o Arousa-Fabril. Logo, o 'Galicia en goles' pasará a tarde conectando coas principais cabalgatas de Reis que percorrerán as cidades e vilas galegas. E a partir das 20:00 h, toda a atención xirará arredor de Balaídos co Celta-Osasuna, de Primeira. Ás 23:00 h, 'Ao contraataque' tomará a remuda da información deportiva, para ofrecer as entrevistas aos protagonistas do encontro de Vigo.

Na fin de semana non todo é fútbol, e os sábados hai outras tres ofertas deportivas que abranguen outras especialidades. Ás 13:00 h, Alfonso Pardo presenta en 'Convivir deportivo' o xogo tradicional da chave; ás 23:00 h, Rodrigo Pérez informa do mundo do motor en 'Gas a fondo'; e a partir das 23:30 h, Toni López conversa no 'Galicia en Toquio' co xogador júnior de waterpolo Óscar Montes, unha das grandes promesas da futura selección española.