CRTVG Viva
FORTA celebra a súa Xunta Xeral en Málaga cunha xornada sobre investimento en cine
A reunión dos directores xerais dos Organismos de Radio e Televisión Autonómicos coincide coa inauguración da XXVI edición do Festival de Cine de Málaga

Santiago, 10.03.2023.- A Xunta Xeral da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) reuniuse hoxe no Museo de Málaga, no Palacio da Aduana, con motivo da celebración da 26ª edición do festival de cine da cidade malagueña, que se celebra ata o 19 de marzo.
Este encontro produciuse como mostra do apoio e promoción das autonómicas á industria cinematográfica española, da que en 2022 financiaron un total de 306 producións. Neste contexto, os membros da Xunta de FORTA reuníronse co director do Festival de Málaga, Juan Antonio Vigar, e a directora do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Beatriz Navas, xunto a produtores, realizadores e directores, ademais de representantes do sector como a Asociación Andaluza de Produtores de Cine de Ficción, Documental, Animación e Seriado, e a Film Commission. O obxectivo deste encontro é intercambiar experiencias e abordar os retos máis inmediatos do cine español.
A presidenta de FORTA, Carmen Amores, sinalou que “os informativos das canles autonómicas son os máis vistos e o novo escenario debe atender o local e a proximidade, que é o máis importante da FORTA, tal e como amosa a audiencia a través dos índices que observamos”. Os directores xerais das canles asistirán á gala de inauguración da XXVI edición do Festival de Málaga no Teatro Cervantes.