CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Fin de semana polideportiva na CRTVG, con fútbol, baloncesto e ciclocrós entre o máis destacado

11/01/2019

O campionato de España de Ciclocrós, o derbi galego de fútbol sala feminino e o mellor da Segunda B, chaves da oferta deportiva

Fin de semana polideportiva na CRTVG, con fútbol, baloncesto e ciclocrós entre o máis destacado

Santiago. 11.01.2019.-  Comeza unha fin de semana na que os amantes dos deportes non poderán despegar os ollos da CRTVG, que, como é habitual, achegará os mellores partidos e competicións.

A cita comeza o sábado ás 16.00 horas, coa retransmisión do encontro de Segunda B entre un Fabril en horas baixas fronte ao Internacional de Madrid. O encontro poderase seguir en directo na tvG2. Un pouco máis tarde, tamén pola segunda canle, será a quenda do fútbol sala feminino, co derbi de Primeira División entre o Ourense Envialia e o Poio Pescamar. Ambos os dous conxuntos están empatados a puntos na clasificación, loitando polo quinto posto. Estes encontros tamén se poderán seguir pola web da CRTVG.

A partir das 19.00 horas, en directo pola tvG2, o protagonismo recae no baloncesto, co encontro da LEB Ouro entre o Ourense e o Melilla Baloncesto.

O domingo comeza co Campionato de España de Ciclocrós. A partir das 12.00 h., os espectadores da tvG2 poderán ver a xornada decisiva, coas finais masculina e feminina, así como a categoría sub-23.

Na sesión vespertina, o fútbol será o protagonista. Ás 16.30 horas comeza "A Liga das Cidades", que ofrecerá en directo na tvG2 o mellor da Segunda B, entre o que se inclúe o Rápido de Bouzas - Cultural Leonesa,  Pontevedra - Unionistas Salamanca e Coruxo -Navalcarnero. Estes encontros tamén se poderán seguir pola web da CRTVG.

Tamén haberá oco para o fútbol feminino co derbi entre o Lugo e o Deportivo Abanca, ás 19.00 h. na tvG2. Ás 22.30 h. chega o "En Xogo", con todos os resumos da fin de semana deportiva.