CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Fernando Ónega, Ángel Carracedo e Ricardo Colmenero, novos colaboradores dos informativos da Radio Galega

05/09/2018

O espazo 'Galicia por diante' contará, a maiores, en cada emisión con expertos nas distintas áreas, como é o caso de Jorge Mira, Marcus Fernández e Laura Castro

No serán, 'A Crónica' apostará pola análise de dous xornalistas galegos destacados, Javier Casqueiro e Ricardo F. Colmenero, e o escritor Xosé C. Caneiro

Fernando Ónega, Ángel Carracedo e Ricardo Colmenero, novos colaboradores dos informativos da Radio Galega

Santiago, 05.09.2018.-  A análise da actualidade desde as máis variadas ópticas será, de novo, unha constante na área informativa da Radio Galega na nova temporada que arrinca o próximo luns, 10 de setembro. A emisora pública contará coas voces e opinións dos máis destacados profesionais galegos que achegarán cada día a súa visión da mesma nas distintas áreas en que sobresaen. Estas novas incorporacións distribuiranse entre o 'Galicia por diante', o primeiro programa co que a emisora pública pon o pé na rúa para estar ao tanto dos acontecementos máis recentes, e 'A Crónica', o último espazo informativo do día no que se fai a análise de toda a xornada.   

Fernando Ónega estará no “Galicia por diante”. O veterano xornalista será un dos grandes colaboradores cos que contará a Radio Galega para a análise diaria da actualidade. O informativo 'Galicia por diante', que se emite desde as 6 da maña as 2 da tarde, disporá así da participación dunha das voces máis autorizadas do panorama xornalístico nacional. Cada día, ás oito e cuarto da mañá, conversará con Xosé Valiñas sobre os asuntos máis relevantes que presenta a xornada.

Fillo predilecto de Pol (Lugo), a súa localidade natal, Ónega é coñecido polo seu labor en numerosos medios de comunicación de prensa, radio e televisión, como La Voz de Galicia, La Vanguardia, El Progreso, Cadena Ser, Onda Cero, Cadena Cope, RTVE, Telecinco, Antena 3 ou Cuatro, onde exerceu como director de noticias, presentador ou colaborador. Recibiu o premio Ondas, a Antena de Oro e o Micrófono de Oro, así como varios recoñecementos honoríficos á súa traxectoria profesional. Amais, publicou libros de ensaio xornalístico, entre os que destacan senllas biografías sobre Juan Carlos I e Adolfo Suárez.
 
Ángel Carracedo tamén se suma ao 'Galicia por Diante'. Carracedo é unha das persoas máis destacadas da comunidade científica a nivel mundial no campo da xenética forense e clínica, e analizará cada xoves, a partir das sete e media da mañá no “Galicia por diante” as novidades máis destacadas do ámbito científico.

Nado en Santa Comba, Ángel Carracedo é catedrático de Medicina Legal na Universidade de Santiago, dirixe na actualidade a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Sergas) e o Centro Nacional de Genotipado, amais de ser presidente da Academia Internacional de Medicina Legal e membro da Real Academia Galega de Ciencias. A maiores, Carracedo é coordinador do Grupo de Medicina Xenómica da USC e da área de Xenética e Bioloxía de Sistemas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), e é xefe do grupo do Ciberer –Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras-. Entre outras funcións actuais, cómpre salientar a súa presidencia na Academia Mediterránea de Ciencias Forenses e da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica. Conta con numerosos galardóns, máis de 500 publicacións, gran parte delas en revistas como Science, Nature Genetics ou Nature, e 10 libros.
 
Coma Ángel Carracedo, tamén se suma ao novo proxecto dos Informativos da Radio Galega unha das figuras máis recoñecidas da CRTVG no ámbito da divulgación científica, Jorge Mira. Mira é catedrático da área de Electromagnetismo na Facultade de Física, e membro correspondente da Real Academia Galega e será o encargado de abordar as principais novidades do mundo da ciencia cada martes no 'Galicia por diante'.

Os mércores será a quenda para o experto en novas tecnoloxías Marcus Fernández, para achegarlles aos oíntes da Radio Galega os últimos avances do sempre evolutivo sector dixital. E o venres será a profesora da Universidade da Coruña Laura Castro a encargada de analizar o fenómeno das redes sociais. Unha voz autorizada para achegar desde os informativos da radio pública todas as circunstancias que rodean esta realidade social.
 
Tres colaboradores para a análise en 'A Crónica'
 
No informativo 'A Crónica', o espazo diario de 22.00 a 23.00 horas, en que teñen cabida as noticias máis importantes do día en clave de análise, incorporará esta temporada a tres destacadas plumas do xornalismo galego.

O ourensán Ricardo F. Colmenero incorpórase esta temporada. Xornalista de El Mundo, foi recentemente recoñecido co Premio Nacional de Xornalismo Julio Camba, e será outro dos colaboradores de 'A Crónica'. Comezou a súa carreira profesional no Miami Herald, antes de iniciar ata a actualidade súa traxectoria no diario El Mundo. Colaborou, amais, noutros medios como IB3TV e a revista GQ.
 
O xornalista coruñés, Javier Casqueiro, seguirá este ano facendo a súa análise en 'A Crónica'. Casqueiro que no novo curso político se encargará da información parlamentaria no Congreso para o diario El País. Empezou a traballar en La Voz de Galicia e hoxe en día é o redactor xefe da sección España do xornal El País e coordinador da páxina política na web do medio.
           
O escritor verinés Xosé Carlos Caneiro completa a terna de sinaturas que intervirán neste espazo da Radio Galega. Licenciado en Xeografía e Historia e diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica, colabora en variados xornais e tamén dirixiu e presentou programas na TVG.

Na foto superior, o científico Ángel Carracedo.