CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Fatum', nova película participada pola Televisión de Galicia, chegará aos cines o vindeiro mes de abril

16/01/2023

Dirixida por Juan Galiñanes e con Luís Tosar e Álex García como protagonistas, é un thriller dramático de ritmo trepidante cuxa acción transcorre en só dúas horas arredor dun atraco a unha casa de apostas

'Fatum', nova película participada pola Televisión de Galicia, chegará aos cines o vindeiro mes de abril

Santiago, 16.01.2023.-    A película ‘Fatum’, producida por Vaca Films e participada pola Televisión de Galicia, chegará ás salas de cine o vindeiro mes de abril. Dirixida por Juan Galiñanes e con Luís Tosar e Álex García como protagonistas, é un thriller dramático de ritmo trepidante cuxa acción transcorre en só dúas horas arredor dun atraco a unha casa de apostas.

A primeira longametraxe de ficción de Juan Galiñanes, con guión escrito por el mesmo e Alberto Marini, é unha orixinal e sorprendente visión sobre o peso do destino e o azar e sobre como este inflúe de xeito determinante nas nosas vidas e no futuro máis inmediato.

‘Fatum’ presenta a historia de Sergio, que ten graves problemas co xogo. Tras xurarlle á súa muller que non volvería caer, recibe un sopro sobre un suposto amaño dun partido de fútbol e, incapaz de cumprir coa súa promesa, regresa á casa de apostas coa intención de recuperar todos os cartos perdidos. O destino fai que, xunto a Pablo, un francotirador dos GEO preocupado pola vida do seu fillo, que pende dun fío, se vexa envolto nun atraco á casa de apostas, onde un disparo cambiará as súas vidas para sempre.

Elena Anaya, Aron Piper e Luísa Mayol completan o elenco desta coprodución de Vaca Films e Playtime, que conta coa participación de RTVE, Amazon e TVG e co apoio de ICAA e Agadic e cuxa rodaxe se desenvolveu en Galicia. O filme chegará aos cines distribuído por Universal Pictures International Spain e as vendas internacionais correrán a cargo de Playtime.