CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Eva F. Ferreira e Carolina Alba Castro Estévez gañan o Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico da Radio Galega

05/04/2017

O xurado recoñeceu a obra “O quinto inverno”, que procura novasexpresións ao radioteatro, e a audiencia apoiou “Un bo final”

Nesta edición, en que Avelina Pérez e  Ana María Carreira quedaron finalistas, o certame contou con 82 textos a concurso e foi o máis concorrido da súa historia

Eva F. Ferreira e Carolina Alba Castro Estévez gañan o Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico da Radio Galega

Santiago.- 05.04.2017. O xurado do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, decidiu por unanimidade outorgar o galardón desta edición á obra “O quinto inverno”, escrita por Eva F. Ferreira. Pola súa banda, a audiencia, que tivo a oportunidade de votar e apoiar a súa peza favorita vía telefónica ou por correo, deulle o premio do público a “Un bo final”, de Carolina Alba Castro Estévez. Ambos galardóns están dotados economicamente con 3.000 euros cada un.

O xurado quixo subliñar a coidada elaboración e a potencia estética de “O quinto inverno”, obra pensada especificamente para a radio. Indaga na linguaxe radiofónica asumindo o risco de procurar novas expresións do xénero do radioteatro cun texto circular e un rexistro poético que fai emerxer unha paisaxe sonora en que se van desvelando temas como a crise, a emigración ou a soidade.

Baixo a dirección de Marta Pazos, a adaptación radiofónica do texto de Eva F. Ferreira foi interpretada por Melania Cruz, María Roja, Gena Baamonde e Chelo do Rejo, e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.

Eva F. Ferreira, directora, dramaturga e creadora da compañía Demolicións Ferreira & Cía, xa gañara este mesmo premio no ano 2012 coa obra “Poema sinestésico para tres voces e un can”.

Por outra banda, a obra que recibe o galardón outorgado por parte da audiencia, “Un bo final” levouse á Radio Galega baixo dirección de  Marta Pazos, coas interpretacións de Ricardo de Barreiro, María Roja e Melania Cruz, e a realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva. A autora desta obra, Carolina Alba Castro Estévez, é licenciada en Comunicación Audiovisual e está vinculada profesionalmente á radio, desenvolvendo a súa actividade profesional en Radio Nacional desde 2010. 

O xurado do X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado por Marta Pazos, actriz e directora da compañía Voadora; Camilo Franco, o crítico de teatro; Clara Gayo, gañadora da edición anterior; Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do Diario Cultural. Nesta edición presentáronse 82 obras a concurso, sendo a máis concorrida desde que se creara un premio que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e potenciar o xénero. As autoras Avelina Pérez Pérez, que asina “Punto de Vista”, e  Ana María Carreira Varela, que presentou o texto “Veos”, quedaron como finalistas.