CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Temporal

Programación informativa especial na TVG e na Radio Galega arredor da xornada do 1-O en Cataluña

01/10/2017

Os medios públicos galegos ofrecerán durante todo o día adiantos informativos e un programa especial ás 20.00 h., en que se analizará con expertos todo o acontecido e se ofrecerá a última hora desde Barcelona e Madrid

Programación informativa especial na TVG e na Radio Galega arredor da xornada do 1-O en Cataluña

Santiago, 01.10.2017.-    Nesta xornada do 1 de outubro, os medios públicos galegos porán o seu foco informativo, como non podía ser doutro xeito, en Cataluña e en toda a actualidade deste día. A Televisión de Galicia comezará a súa cobertura ás 09.00 h. co primeiro adianto informativo que se ofrecerá ao longo do día, ao que seguirán os avances das 11.00 e das 18.00 h. Os programas “A Revista” e “Telexornal Mediodía” tamén dedicarán boa parte do seu tempo a informar de todo o que vaia acontecendo este 1-O.

Durante toda a xornada, a TVG contará con tres puntos de directo en Barcelona e un en Madrid para seguir ao minuto todas as reaccións que se vaian producindo. Como colofón, ás 20.00 h. ofrecerase un programa especial, de dúas horas de duración, presentado por Marta Darriba e Irene Lourido, en que se fará balance da xornada, se ofrecerá a última hora desde Cataluña e se sondearán as reaccións en Galicia e Madrid.

O programa contará cunha mesa de debate cos xornalistas José Luis Jiménez, Roi Rodríguez e José Luis Gómez e a politóloga e socióloga Ana Luísa Bouza. Tamén se ofrecerán entrevistas con xuristas, economistas e expertos en Dereito Constitucional. Coa vista sempre posta en Cataluña, este especial informativo ofrecerá tamén un sumario con outros temas destacados da actualidade do día. As últimas noticias sobre o referendo chegarán ás 23.15 h. no “Telexornal Noite”.

Pola súa parte, a Radio Galega reforzará durante toda a xornada a súa cobertura informativa, con micrófonos en Madrid e Barcelona, cos seus boletíns horarios centrados practicamente de xeito íntegro en Cataluña e co testemuño de galegos residentes nesta comunidade autónoma.

O programa especial comezará tamén ás 20.00 h., a cargo de Luís Ojea e Celia Rúa, que falarán cos protagonistas e pescudarán as reaccións que se vaian producindo en Galicia a todos os acontecementos do día. Para debullalos e analizalos, o espazo da RG contará cun “faladoiro” e coa presenza de distintos convidados. Así, polo estudio irán pasando expertos en Dereito Constitucional e en análise política, profesionais da Maxistratura, economistas, políticos de Galicia e a nivel nacional, representantes de funcionarios e da Policía e empresarios galegos en Cataluña.

ler máis