CRTVG Viva
Preséntase en Santiago a película "Lobos Sucios", coproducida pola TVG e candidata a 14 premios Mestre Mateo
A ópera prima de Simón Casal de Miguel, con Marian Álvarez e Manuela Vellés como protagonistas, conta unha historia de supervivencia, espionaxe e amor na Galicia do ano 1944, cos nazis explotando unha mina de volframio
A preestrea, á que asistiron numerosas personalidades do audiovisual galego, contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; da directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, e do director de Agadic, Jacobo Su

Santiago, 08.04.2016.- O sector audiovisual galego reuniuse onte nas salas de Cinesa do centro comercial compostelán As Cancelas, onde se presentou, con grande afluencia de público, a película “Lobos Sucios”, coproducida pola TVG e que conta coa participación de Agadic.
A película, ópera prima de Simón Casal de Miguel, que a partir de hoxe se poderá ver no resto de salas galegas, ten como protagonistas a Marian Álvarez, Manuela Vellés, Ricardo de Barreiro, Xosé Manuel Esperante e Luísa Merelas e foi producida por Agallas Films, Left Field Ventures e Dream Team Concept.
Inspirada libremente en feitos, historias e personaxes reais, o filme conta unha historia de supervivencia, espionaxe e amor no medio dunha atmosfera máxica: Galicia no ano 1944, cos nazis explotando unha mina de volframio, un mineral imprescindible para o seu armamento. Nesas minas traballa duro Manuela para poder curar a súa filla enferma. A súa vida cambiará para sempre coa chegada duns espías aliados coa misión de executar un gran robo de volframio. Os aliados prometen curar a súa filla a cambio da súa axuda. Sen ser moi conscientes, Manuela e a súa aloucada irmá pequena Candela, que inocentemente axuda xudeus a fuxir pola fronteira, veranse envoltas de cheo na Segunda Guerra Mundial.
Candidata a 14 Premios Mestre Mateo, “Lobos Sucios” percorreu varios festivais, entre eles o Festival Internacional de Friburgo, o Festival de Mill Valley (USA), o Festival de Cinema de Ourense, o Festival de Calcuta, (Kolkata International Film Festival), o Washington Jewish Film Festival (USA), o East Bay Film (USA) e o Miami Jewish Film Festival (USA).
A preestrea de onte en Santiago contou coa presenza do director e do elenco da película, aos que se uniron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora da TVG, Rosa Vilas, e o director de Agadic, Jacobo Sutil. Tampouco quixeron perder a posta de longo de “Lobos Sucios” outras personalidades do noso audiovisual, entre os que se encontraban directivos e persoal da Televisión de Galicia e actores integrantes do elenco de distintas producións da canle autonómica, como “Buscando Ardebullo”, “O Faro”, “Pazo de Familia”, “Urxencia Cero” e “Casa Manola”, entre outras.