CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Hoxe en TVG

A TVG comparte cos espectadores a noite de San Xoán, unha data con moita maxia e tradición en Galicia

23/06/2018

Lucía Rodríguez, desde A Coruña, dará paso aos variados equipos de apoio que o especial terá espallados por localidades onde esta festa se vive con máis entusiasmo

 

A TVG comparte cos espectadores a noite de San Xoán, unha data con moita maxia e tradición en Galicia

Santiago, 23.06.2018.-   Na véspera do día de San Xoán, Galicia enteira é unha festa. Por este motivo, a TVG quererá facer partícipes os espectadores de como se vive esta celebración por numerosos recunchos da nosa comunidade. Desde A Coruña, cidade cuxo festexo está declarado de Interese Turístico Internacional, coñeceranse en directo os preparativos, o ambiente e as tradicións dos moitos lugares onde a noite de San Xoán se desenvolve con máis entusiasmo.  

O “Especial San Xoán” (22.05 h.), que a TVG ofrecerá esta noite, en directo, presentado por Lucía Rodríguez, trasladarase ata localidades como Lugo, Compostela, Nigrán, Arzúa, Berres (A Estrada), Poio, Vigo, Viveiro, Salvaterra de Miño ou mesmo a cidade portuguesa do Porto.

Para este “Especial San Xoán”, Lucía Rodríguez contará coa colaboración de catro reporteiras: Fátima Rodríguez, Natalia Penas, Alicia Conchas e Alba Prol, coas que percorrerá algunhas das cacharelas de máis sona.
        
Os espectadores poderán ver, amais, como son os preparativos desta noite máxica en Santiago de Compostela, en Nigrán e na Coruña, onde se verá a intensidade coa que se organizan as fogueiras ou os grupos se responsabilizan das sardiñas, así como o ambiente previo que se forma coa xente que vai chegando a esta cita.

Din que a sardiña bate prezos de marca este ano. Por iso, desde o peirao da Coruña falarase con mariñeiros para saber como están sendo as capturas e asistirase a unha poxa na lonxa. Tamén se visitará un mercado de abastos para falar coas vendedoras de peixe e cos compradores e se darán consellos para preparar mellor a sardiña. Neste especial non se esquecerán tampouco do pan, un elemento indispensable para degustar unha boa peza e facer realidade o dito de que “polo San Xoán, a sardiña molla o pan”.

Para completar a noite, botarase unha ollada ás variadas tradicións que conserva o imaxinario popular, como a recollida de herbas para namorar ou cobrar máis fermosura; tomar as sete ou nove ondas, co fin de quedar encinta; saltar as fogueiras para ter boa sorte ou queimar roupa vella co obxectivo de espantar os meigallos. Son infinidade as supersticións, tradicións e lendas que acompañan esta festividade.


ler máis

“Aquí Galicia”, ao ritmo da Coruña para vivir o San Xoán

23/06/2018

Ao carón do paseo marítimo, Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes amosarán como se prepara a cidade para celebrar este festexo

“Aquí Galicia”, ao ritmo da Coruña para vivir o San Xoán

Santiago, 23.06.2018.- Previo á celebración da noite de San Xoán, a TVG quecerá motores na Coruña cunha nova edición do “Aquí Galicia” (16.35 h.). Ao carón do paseo marítimo, Lucía Rodríguez, esta vez na compaña de Bernardo Montaña e Juan Fuentes, compartirá en directo como se vive esta data na cidade nas horas previas. Neste senso, o espazo interesarase polos preparativos e polo estado dos areais para esta gran festa.

Coma sempre, “Aquí Galicia” aproveitará a visita á Coruña para coñecer a variada oferta cultural e lúdica que ofrece, como será coñecer o Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía e realizar unha ruta de viños e tapas moi recomendable. Tamén aproveitará para percorrer os variados espazos que ten a cidade para a práctica do deporte ao aire libre, coma o Campo da Torre, O Portiño e o Paso Marítimo, e coñecer da man dalgúns deportistas o surf, unha das especialidades máis practicadas nesta localidade rodeada polo mar.

A música terá un gran peso nesta edición coas actuacións de Johnny Maquinaria Orquestra, unha das mellores formacións orquestrais de música latina das illas Canarias; do coro El Acorde Secreto, coñecido pola súa participación no espazo “Oh Happy Day” da TVG, do cantante Sito Sedes, e de dúas representacións do mellor folclore europeo, unha formación búlgara e outra romanesa.

E, no apartado gastronómico, como non podería ser doutro xeito, a protagonista do menú de hoxe será a sardiña.

ler máis

"Luar" celebra hoxe a décima edición do concurso "Miss Vaca" e recibe a visita de Las Supremas de Móstoles

22/06/2018

O programa (22.00 h.) tamén ofrecerá as actuacións Luís Queimada, Troyanos de Compostela, a orquestra Galilea, a Banda de Música do Barco de Valdeorras e o Coro Castrosua

"Luar" celebra hoxe a décima edición do concurso "Miss Vaca" e recibe a visita de Las Supremas de Móstoles

Santiago, 22.06.2018.-     “Luar” celebra este venres todo un clásico do programa cada verán: a décima edición de “Miss Vaca”, un singular concurso co que pasarán polo espazo da TVG os mellores exemplares das catro provincias galegas, con desfiles incluídos, e ao final da noite proclamarase a gañadora, cun premio en metálico para o seu dono.

Tamén estará no “Luar” deste venres o divertido trío Las Supremas de Móstoles, que animarán o público e a audiencia cos seus temas pegadizos e cargados de humor. En pleno Mundial, cantarán esta noite “No sé lo que tiene el fútbol”.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e María Mera contará coa presenza de Luís Queimada, fundador do conxunto Queimada, un grupo co que lle deu renda solta ao seu gusto polo pop melódico e The Beatles. Posteriormente, iniciou a súa carreira en solitario, que deixou EP en que se achega á psicodelia e unha gran cantidade de novos traballos noutros rexistros.

As actuacións musicais desta noite complétanse coa Banda de Música do Barco de Valdeorras, coa formación Troyanos de Compostela, coa orquestra Galilea, co Coro Castrosua, co grupo de baile e música tradicional galega A Ponte Vella e con Julio Vázquez Carril e o Grupo Brinquelo.

No tempo de “Vai de Baile”, subirán nesta ocasión ao escenario os dúos Fillos do Torreiro e Bailadores do Val, mentres que en “Recantos” será a quenda de O Chylava, de Terras do Eume, e de Yesenia, representante da comarca Noia - A Barbanza.

ler máis

Con "GPS: Galicia Percorre Sendeiros", a TVG realizará cada venres tres rutas galegas de interese paisaxístico, ecolóxico ou natural

22/06/2018

Na súa estrea (13.15 h.), viaxará ao corazón dos Ancares lucenses, entrará nas covas do Rei Cintolo e achegarase á Ribeira Sacra, unha contorna privilexiada para o sendeirismo

Con "GPS: Galicia Percorre Sendeiros", a TVG realizará cada venres tres rutas galegas de interese paisaxístico, ecolóxico ou natural

Santiago, 22.06.2018.-   Este venres chega á TVG “GPS: Galicia Percorre Sendeiros”, un programa semanal en que se percorren tres rutas ou itinerarios galegos de interese paisaxístico, ecolóxico ou natural. O espectador experimentará en primeira persoa a sensación de percorrer unha ruta, ver as paisaxes e falar coa xente que se atope no camiño.

Montaña, bosques, cantís e ríos debuxan a peculiar identidade da xeografía galega. Aínda que a principal forma de percorrer as rutas será a pé ou en bici, o longo das distintas entregas de “GPS: Galicia Percorre Sendeiros”, haberá outros medios menos frecuentes (cabalo, piragua, rafting, barranquismo, etc.) que dunha forma ecolóxica acheguen novas sensacións máis próximas á aventura na natureza.

O programa ten a intención de converterse nunha videoguía de referencia para toda a xente a quen lle guste realizar actividades na natureza e por iso achegará datos reais e actualizados sobre todas as rutas que se percorren.

ler máis

Nova noite de humor na TVG co "Land Rober Holidays Show" e coa visita de Pili Pampín, Ruth Lorenzo e Vázquez Taín

21/06/2018

Deseguido, continúan as gargalladas na Galega cunha dobre entrega da comedia familiar “Era Visto!”

Nova noite de humor na TVG co "Land Rober Holidays Show" e coa visita de Pili Pampín, Ruth Lorenzo e Vázquez Taín

Santiago, 21.06.2018.-    Chega unha das noites máis agardadas polos espectadores da Televisión de Galicia coas propostas de humor que traerá un xoves máis o equipo do “Land Rober Holidays Show” e a comedia “Era Visto!”, en que Moncho encabezará os relatos das situacións máis absurdas que acontecen na súa contorna.

No tempo do “Land Rober Holidays Show” (22.00 h.), os espectadores poderán ver hoxe a versátil artista Pili Pampín sufrir un cambio radical e converterse en Eva Iglesias. Tamén Os Gorrillas se enfrontarán ao xuíz Vázquez Taín nun interrogatorio que os porá fronte á lei. Os Xubilados sorprenderanse ao atoparse coa Pantoja, que interpreta a cantante Ruth Lorenzo e, finalmente, a audiencia asistirá ao parto dunha nova criatura moi relacionada co mundo dos superheroes.

Ao remate desta edición de verán do Land Rober, a TVG ofrecerá unhas divertidas entregas da sitcom familiar “Era Visto!” (00.10 h.), a proposta de humor costumista galego que protagonizan Moncho, Elvira e Kevin, e que mergulla os espectadores no universo de Lameiro. Esta noite, Puskas cumpre un dos seus soños, o de se converter en adestrador de fútbol, aínda que os seu métodos non son os máis axeitados para os xogadores que lle tocaron, un equipo de pre benxamíns. Por outra parte, debido a todos os golpes que levou e que nunca lle pasou nada, en Lameiro cren que Kevin é un superheroe. Carmucha é tamén a seguinte protagonista doutro sketch, xa que a súa idea de ofrecer bebidas aos clientes é entendida por Puskas coma un ataque frontal.

A continuación, a moda americana de poñer unha bandeira no balcón da casa chegará á vila para sementar a discordia, e provocar esmendrellantes conflitos entre os veciños. Ademais, Moncho decide comezar unha nova vida e deixará de beber viño para converterse nun home mellor, pero o cambio non convencerá a todos. Pola súa parte, Elvira substituirá o taxista de Lameiro, que está de baixa. Ela ten carné e é a única persoa de Lameiro que conserva todos os puntos.

ler máis

Con "Sito, o dos Miñancos", a TVG repasa esta noite a vida dun home que condicionou a vida de Cambados nos anos 80

20/06/2018

No programa (22.00 h.) intervirán xornalistas, testemuñas que tiveron contacto con el, o ex-alcalde da vila e o comisario que o perseguiu durante anos

Con "Sito, o dos Miñancos", a TVG repasa esta noite a vida dun home que condicionou a vida de Cambados nos anos 80

Santiago, 20.06.2018.-   A TVG repasa esta noite a vida de Sito Miñanco, un home que condicionou a vida dunha vila enteira, o Cambados dos anos 80 e principios dos 90. José Ramón Prado Bugallo naceu no barrio mariñeiro de Santo Tomé, en Cambados, o 23 de decembro de 1955. Fillo de Eugenio e Rosa, era unha familia coñecida coma a dos Miñancos.

O especial “Sito o dos Miñancos” é a historia dun home que pasou por ter unha vida normal formando unha familia con dúas fillas con Rosa Pouso e unha terceira coa panameña Odalys Rivera. 

ler máis

Homenaxe ao pan galego nesta edición de "Larpeiros", en que se prepararán xurelos ao forno con pan de millo

19/06/2018

Para aprender a elaborar un dos pans con máis sona da comunidade, esta noite o programa irá ata Rodeiro

Homenaxe ao pan galego nesta edición de "Larpeiros", en que se prepararán xurelos ao forno con pan de millo

Santiago, 19.06.2018.-  Praceres moi grandes a prezos moi pequenos. Este será hoxe o tema de conversa no programa “Larpeiros” (22.10 h.). En Galicia pódense comer algunhas cousas estupendas sen gastar moitos cartos, como os mexillóns, os kiwis, as patacas ou os ovos, sen esquecer o pan, un deses produtos galegos que seguramente cobizan no resto do mundo. En Galicia hai moitos tipos e faise bo pan en case calquera parte.

Benigno Campos é un gran fan do pan e de cociñar con el. Pero non só de pan viven os “Larpeiros”, e por iso proporá unha receita coa que vai meter no forno algo máis: xurelos ao forno con pan de millo. O menú completarase cunha sopa fría de tomate e cun pan con berberechos.

Pola súa parte, Adrián viaxará nesta ocasión a Rodeiro, na provincia de Pontevedra. Alí, da man de Ana, aprenderá a preparar un dos pans con máis sona de Galicia. Terá que amasar, bolear e meter pezas no forno coma un auténtico panadeiro se quere levarlles aos seus compañeiros un pan de Rodeiro á altura da ocasión.

ler máis

“Cos Pés na Terra” descubrirá novos trebellos para a gandería e ferramentas ben curiosas para o cultivo da horta

19/06/2018

Unha das parellas convidadas desta edición amosará tamén pequenos tesouros que agocha o Courel para elaborar marmeladas

“Cos Pés na Terra” descubrirá novos trebellos para a gandería e ferramentas ben curiosas para o cultivo da horta

Santiago, 19.06.2018.-  “Cos Pés na Terra” (22.55h.), o espazo da Televisión de Galicia dedicado a contar a historia daquelas persoas que deciden buscar no campo e a natureza o seu xeito de vida, traeralles tres novas historias aos espectadores da canle pública nesta entrega.

No programa deste martes, o asesor gandeiro Xan traerá a maleta chea de ideas e trebellos novos para a gandería. O equipo de “Cos Pés na Terra” tamén acompañarán a Dani e a Vero polos montes do Courel na procura de tesouros pequenos para as súas marmeladas.

Por último, se os espectadores pensaban que o viron todo para o cultivo da horta, Isabel vailles descubrir o uso de ferramentas ben curiosas e, de paso, comprobarán que no seu invernadoiro hai moito máis ca pementos e tomates.
 

ler máis

A bordo dun fermoso galeón, “O Gato con Botas” repasará a vida de Pedro Campos, o regatista máis premiado da historia de España

19/06/2018

É o único patrón na historia da vela mundial que conseguiu cinco campionatos do mundo consecutivos

A bordo dun fermoso galeón, “O Gato con Botas” repasará a vida de Pedro Campos, o regatista máis premiado da historia de España

Santiago, 19.06.2018.-  Pedro Campos é o único patrón na historia da vela mundial que conseguiu cinco campionatos do mundo consecutivos. A primeira vez que un equipo español puido participar na Copa América, a máxima competición na modalidade de vela no mundo, Campos era o patrón. A participación nesta competición foi un dos momentos máis importantes na crónica deportiva galega.

O programa “O Gato con Botas” (23.55 h.) repasará hoxe, navegando nun fermoso galeón, a vida do regatista máis premiado da historia de España e descubrirá a esencia deste home vinculado de forma imborrable ao mar.

ler máis

A TVG estrea esta noite "Lévame, lévame", unha ruta polas principais citas festivas galegas

18/06/2018

As festas do Requeixo de Cotobade e do Viño de Barro e a romaría de Santo Hadrián de Malpica serán protagonistas este luns (22.05 h.)

A TVG estrea esta noite "Lévame, lévame", unha ruta polas principais citas festivas galegas

Santiago, 18.06.2018.- A chegada do bo tempo anuncia o comezo da temporada de festas en Galicia, así que a TVG, coñecedora da grande afección dos galegos pola troula, estreará esta noite un novo espazo que intentará achegar cada luns as celebracións máis destacadas da fin de semana. En cada edición, “Lévame, Lévame” proporá unha ruta variada polas principais citas festivas, desde gastronómicas, pasando polas musicais ata relixiosas e patronais. Calquera celebración poderá espertar a curiosidade deste espazo, que coñecerá o ambiente, as propostas e a tradición de cada unha delas.

Na súa estrea, “Lévame, lévame” acudirá á Festa do Requeixo de Cotobade. A parroquia de San Gregorio de Corredoira celebra desde 1980 a festa de exaltación do requeixo, un produto que goza de gran sona na contorna e co cal, a través da súa venda, sufragan os gastos das festas na honra de Santa Bárbara e Santo Antón.

Por toda esta tradición na comarca, as cámaras do programa non quixeron perderse este evento, non sen antes visitar a Isabel Rodríguez, unha veciña que lles explicará o xeito máis artesán de facer o requeixo e, sobre todo, onde está verdadeiro segredo da receita. Por otro lado, da man de Moisés Fraguas, presidente da Asociación Amigos do Requeixo, os espectadores coñecerán a tradición desta festa e como este produto foi un motor económico da parroquia durante moitos anos.

Por último, a TVG compartirá cos espectadores toda a xornada de troula que se viviu na parroquia. Visitantes e veciños non deixaron de pasar polo campo da festa para mercar e catar o bo requeixo da zona, ademais de compartir unhas boas racións de polbo e churrasco.   
    
“Lévame, Lévame” dirixirase, a continuación, a unha das romarías máis concorridas da Costa da Morte, a de Santo Hadrián de Malpica, de Bergantiños, para conta dunha das últimas celebracións da primavera onde converxen relixión, gastronomía, música tradicional e por suposto, a verbena.

Cada ano milleiros de persoas congréganse neste concello coruñés para acompañar a imaxe do santo desde a igrexa parroquial ata a ermida de Santo Hadrián, nunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia. O espazo estará presente, desde primeiras horas da mañá, para dar conta do ritmo e do folclore que anegará as rúas deste fermoso lugar que mira ás illas Sisargas e ao maxestuoso e temperamental océano Atlántico.

Malpicáns, visitantes e milleiros de devotos chegados de fóra da vila percorren a pé praias como a de Area Maior e a de Seaia nunha peregrinación que conflúe nunha gran romaría, onde familias, veciños e amigos, se misturan co son das gaitas, as pandeiretas, coas primeiras sardiñas de tempada, e o ofrecemento de exvotos dos romeiros.

Durante esta celebración ten lugar a famosa poxa dos galos, cuxa recadación axuda a sufragar os ritos na honra ao santo, e serán moitas as persoas que non deixarán pasar a oportunidade de limpar a súa pel nas augas da fonte de Santo Hadrián, consideradas milagreiras, e capaces de quitar as verrugas.

Antes de que a imaxe volva á igrexa de San Xulián, a audiencia deste especial poderá acompañar e coñecer os seus portadores, gozar xunto aos romeiros e romeiras nunha comida en que non faltará a diversión e, por suposto, asistir desde a casa, a unha xornada chea de ledicia, devoción e troula.

A tripla proposta de hoxe completarase cun festexo que tamén goza de gran seguimento, a Festa do Viño de Barro, cuxa XXXIX edición conta cun amplo programa de actividades, en que, ademais de viño, haberá concentración de motos, pintura ao aire libre, música, danza, gastronomía e deporte. As cámaras da TVG estarán recollendo as mellores imaxes de todas as actividades que se van a desenvolver ao longo do día.

Así, o programa estará nas fervenzas do río Barosa, asistirá a unha concentración de vespas, lambretas e motos que porá color ás rúas e estradas, achegarase ata o pazo para gravar a cata de viños da D.O. “Rías Baixas” e estará na rúa con todos os asistentes recollendo de primeira man as súas impresións sobre esta Festa do Viño de Barro, que congrega milleiros de persoas.

ler máis