CRTVG Viva
Os medios públicos galegos inician a cobertura da campaña electoral autonómica
Contemplan a emisión de entrevistas, debates, espazos gratuítos, bloques informativos diarios e un seguimento especial na xornada de eleccións
Na páxina web do ente autonómico, crtvg.es, habilitouse unha sección específica, ademais de ofrecer información diaria e os resultados do 21-O en tempo real

Santiago, 04.10.2012.- Os medios públicos galegos inician hoxe, ás 23.58 horas, a cobertura informativa da campaña electoral que rematará tras a xornada de celebración dos comicios, o próximo 21 de outubro, tal e como recolle o Plan de Cobertura da TVG, da Radio Galega e da CRTVG.es das Eleccións Autonómicas 2012.
O plan define unha serie de criterios xerais que teñen como propósito garantir o respecto durante a campaña electoral dos principios de pluralismo político e social, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa no labor do ente público. Neste documento, aprobado polo consello de administración da CRTVG, determínase amais a duración das informacións dedicadas a cada formación política, que deberán axustarse proporcionalmente aos resultados obtidos nas últimas eleccións autonómicas, en orde decrecente.
Os espazos destinados a informar sobre o desenvolvemento da campaña electoral diferenciaranse do resto da información xeral cunha cabeceira de apertura e de peche. A cobertura da Televisión de Galicia para as eleccións ao Parlamento de Galicia contempla, nestes quince días, dedicar un bloque de cinco minutos de duración en cada espazo informativo (“Bos Días”, “Telexornal Mediodía” e “Telexornal Serán”), intercalado antes do apartado deportivo, que trasladará exclusivamente as mensaxes efectuadas polas formacións políticas. Por outra parte, emitiranse tamén espazos gratuítos de propaganda electoral para aqueles partidos, federacións e coalicións que presenten candidatura, polo menos, en tres circunscricións electorais da comunidade autónoma.
O programa de apertura de campaña, esta noite, ás 23.58 h., terá unha duración total de quince minutos e irá integrado no “Telexornal Noite”. Incluirá información propiamente electoral, con conexións en directo coas localidades nas que as formacións realicen o correspondente acto e achegará datos sobre os comicios. A xornada de peche, o 19 de outubro, no “Telexornal Serán”, faranse conexións en directo cos mitins dos tres grandes partidos, aínda que se achegará esta información dun modo máis extenso nun especial de peche de campaña, ás 23.45 h.
Nestes comicios a TVG celebrará, por primeira vez en Galicia, tres cara a cara, que se desenvolverán en días consecutivos a principios da primeira semana de campaña. Así, o luns día 8 de outubro abrirán o ciclo de debates os candidatos do PPdeG e do PSdeG-PSOE; o martes (día 9), intervirán o aspirante do PSdeG-PSOE e do BNG, e finalmente o mércores (día 10) os protagonistas serán os dous líderes do PPdeG e BNG. Estes debates, de sesenta minutos de duración, ofreceranse tamén en directo a través da Radio Galega. Na última semana de campaña, a canle pública galega ofrecerá entrevistas aos candidatos do PPdG (día 15), do PSdeG-PSOE (día 17) e do BNG (día 18), cunha duración proporcional aos votos obtidos nas anteriores autonómicas. Tanto os debates coma as entrevistas, que se emitirán ás 21.30h, circunscríbense aos partidos con representación parlamentaria.
O 21-O, a TVG realizará adiantos informativos cada hora, desde ás 08.00 ata as 11.00 h. e, pola tarde, ás 18.00 h.; en “A Revista”, ás 13.00 horas, continuará coa rolda de conexións cos colexios electorais das catro provincias galegas para, facilitar no “Telexornal Mediodía” (14.25 h.), os primeiros datos de participación da xornada. O programa especial eleccións dará comezo ás 19.45 horas.
Con relación ás outras canles da Galega, a través da tvG2 emitiranse os programas informativos xerais, mentres que as canles internacionais (Galicia TV América e Galicia TV Europa) difundirán toda a programación da TVG sobre a campaña electoral.
Radio Galega