CRTVG Viva
O Breogán loitará polo ascenso á ACB en directo pola CRTVG
O encontro entre o equipo lucense e o Iraurgi retransmitirase a través da tvG2 e nunha edición especial do 'Galicia en Goles' da Radio Galega

Santiago, 12.04.2018.- O Breogán afronta este venres un dos partidos máis importantes da súa historia recente. Tras a vitoria na última xornada e as derrotas dos seus perseguidores, o equipo galego ascenderá a liga ACB se gaña ante o Iraurgi Sammic Hostelería. O vital partido poderase seguir en directo a partir das 21.00 horas na segunda canle da Galega, a tvG2. O equipo adestrado por Nacho Lezkano ten a oportunidade de retornar á máxima categoría do baloncesto español doce anos despois do seu descenso.
A CRTVG emite este mércores a final da Copa Federación entre o Pontevedra e o Ontinyent
Este encontro poderase seguir ás 20.00 horas pola tvG2, na web e a través da plataforma 'Mira Radio Galega'

Santiago, 10.04.2018.- O Pontevedra xoga este mércores ás 20.00 horas o encontro de volta da final da Copa Federación ante o Ontinyent. A vitoria no partido de ida por 1-0 sitúa o equipo pontevedrés moi preto do título. O partido poderase seguir en directo na tvG2 e na web da CRTVG. Gustavo Varela e Belarmino Alonso narrarán a final dende Pasarón.
O partido do Liceo da Euroliga de Hóckey centra a atención na cobertura deportiva da CRTVG esta fin de semana
O balonmán, todo o fútbol galego e o piragüismo completan a oferta da tvG2

Santiago, 06.04.2018.- Esta fin de semana, o mellor deporte volve ser protagonista na CRTVG cunha oferta moi variada. A xornada deportiva dá inicio o sábado 7 na tvG2 ás 17.00 horas ca “Liga das Cidades”. O encontro entre o Fabril e o Unión Adarve marca o comezo da xornada de Segunda B. Os coruñeses seguen loitando polo ascenso ante un rival situado no medio da táboa. A partir das 18.00 horas e tamén na tvG2 emítese o Rácing de Ferrrol-Toledo. Os galegos buscarán afastarse do descenso ante outro dos rivais teoricamente máis sinxelos. Ás 20.00 horas é a quenda do piragüismo, coa emisión pola tvG2 da segunda entrega do programa “Padexando”.
Dez horas de programación especial da Radio Galega este sábado dedicada ao noso derbi
Ás 9.30 da mañá, o “Somos Quen” realizarase desde a Deportenda; desde as catro, o “Galicia en Goles” será o dono dos micros para ofrecer o partido da xornada

Santiago, 20.12.2017.- Radio Galega dedicaralle unha programación especial ao noso derbi este sábado. En total serán dez horas de emisión para acompañar os dous equipos galegos que disputarán o partido da xornada.
Ás 09.30 horas, María Xosé Rodríguez traslada o estudio de “Somos Quen” á Deportenda Abanca Riazor. Ata as doce da mañá, o magazine contará todo o que estea pasando na cidade herculina nas horas previas. Xoán Galán acompañará a directora do programa; Javi Torres e María Xosé Rivero moveranse polas billeteiras e a praza de Lugo, mentres que Pedro Pablo Alonso asistirá na Grela ao outro derbi, o dos artistiñas. Durante as dúas horas e media de emisión, Carlos Tresandí proporalles un divertido xogo aos oíntes, con tres premios espectaculares: entradas dobres de tribuna superior para asistir ao partido.
Desde as 14.00 h., a última hora do Dépor-Celta será punto principal no informativo “Crónica das Dúas”, con Celia Rúa, e no “Galicia en Goles Mediodía”, con Rodrigo Pérez Pardo.
A partir das 16.00 horas, Xoán Galán poñerase aos mandos da edición de tarde do “Galicia en Goles”, coa previa máis completa, as dúas horas de xogo e o segundo operativo desde a sala de prensa e a zona mixta. Os analistas Xosé Manuel Traba e Moncho Carnero reforzarán o equipo integrado por Javi Torres, Xaime Escudeiro, Pedro Pablo Alonso e César Méndez. A partir das nove da noite, o noso derbi continuará cun Faladoiro Especial, en que participarán Alfonso Núñez, Gonzalo Alonso, Emilio González e destacados adestradores do fútbol galego.
Nova fin de semana deportiva na tvG2 e na web da CRTVG
Santiago, 20.01.2012.- Nova fin de semana deportiva na tvG2 e na web da CRTVG. Fútbol, balonmán, cross e baloncesto centrarán a ollada das transmisións en directo que se ofrecerán ao longo do sábado e domingo.
A tvG2 acompaña esta fin de semana o Lobelle e o Obradoiro, os equipos composteláns de fútbol e de baloncesto
A segunda canle da Galega ofrecerá o sábado ás 16.15 h o partido Lobelle-Santa Coloma, mentres que o domingo se transmitirá en directo o encontro de ACB entre o Blusens Monbus e o Cajasol
O partido de fútbol de Segunda División entre a Unión Deportiva As Palmas e o Barcelona B e o Cross de Itálica son outras das transmisións deportivas desta fin de semana

Santiago, 13.01.2012.- Unha fin de semana máis, a tvG2 ofreceralles aos espectadores unha completa oferta deportiva en que destacan os compromisos de liga do Lobelle e do Blusens Monbus, os equipos composteláns de fútbol sala e de baloncesto.
A web da CRTVG ofrece hoxe en exclusiva o partido da Copa Federación entre o CD Lugo e o Rácing de Santander B
Correspondente á ida dos oitavos de final da competición, transmitirase en directo a partir das 20.30 h a través de ww.crtvg.es/deportes

Santiago, 11.01.2012.- A páxina web da CRTVG continúa coa súa aposta polo deporte galego e ofrecerá esta noite, en directo e en exclusiva, o partido entre o CD Lugo e o Rácing de Santander B, correspondente á ida dos oitavos de final da Copa Federación, unha competición de fútbol que disputan anualmente os clubs de Segunda B e de Terceira División.
A Liga San Miguel de Traíñas e a final da Copa Galicia de fútbol feminino, na tvG2 esta fin de semana
Hoxe ofrecerase a Bandeira de Camargo e mañá a de Bilbao, co debut das embarcacións da Liga Euskotren
Este sábado a segunda canle recupera o histórico partido Deportivo-Celta de promoción de ascenso a Primeira División en 1987
Santiago, 02.07.2011.- A Liga San Miguel de Traíñas regresa esta fin de semana á tvG2, que ofrecerá en directo dúas regatas puntuables, a de Camargo e a de Bilbao, onde as embarcacións favoritas buscarán a primeira bandeira da tempada dunha competición que durante este verán ocupará un lugar destacado nas transmisións deportivas da canle autonómica.
Gran despregamento da TVG para seguir o partido crucial do Lugo cara o ascenso e o Europeo de Tríatlon en Pontevedra
A segunda canle transmitirá mañá en directo o encontro do conxunto lucense contra o Alcoyano
Ofrecerá tamén un programa especial de resumo da proba que se disputa en Pontevedra, coa presenza no estudio de Javier Gómez Noya

Santiago, 25.06.2011.- O deporte galego ten esta fin de semana dúas citas importantes que serán protagonistas da programación da Televisión de Galicia. A canle autonómica seguirá moi de preto o Campionato de Europa de Tríatlon, que se celebra en Pontevedra, coa presenza dos galegos Javier Gómez Noya e Iván Raña; e ofrecerá en directo o domingo, a través da tvG2, o partido definitivo do Lugo na loita polo ascenso á Segunda División.
Durante toda a xornada de hoxe, a TVG estará moi pendente, a través dos seus servizos informativos e tamén con conexións no programa "A Revista Fin de Semana", do Campionato de Europa de Tríatlon, que converterá Pontevedra estes días nun escenario deportivo do máis alto nivel, cunha contorna excepcional: o parte histórica da cidade do Lérez e a súa área fluvial. Os mellores triatletas do vello continente estarán en Pontevedra para disputarse o título europeo e impedir que Javier Gómez Noya se consagre ante a súa xente co seu terceiro campionato continental. A proba contará tamén coa participación doutro peso pesado do tríatlon galego: Iván Raña.
Xa na xornada dominical, a segunda canle da Galega ofrecerá arredor das 18.00 h un programa especial cun resumo completo do acontecido o día anterior e cos mellores momentos captados polas cámaras da Televisión de Galicia. Este espazo, presentado por Carlos García-Verdugo, contará coa colaboración de distintos expertos e coa presenza do triatleta Javier Gómez Noya, quen comentará a súa participación no europeo.
A continuación deste programa, chegará o gran momento que a afección lucense leva agardando desde hai unha semana: o último e decisivo partido do Lugo na súa loita por regresar á Segunda División. Despois de perder o domingo pasado o primeiro partido da eliminatoria contra o Alcoyano, o conxunto lucense terá que remontar na casa. Aínda que o tanto de Fabiano e o gol anulado a Belfortti deixaron a eliminatoria costa arriba para os de Quique Setién, o Lugo apelará á súa fortaleza no Anxo Carro, que se encherá con 5.000 persoas, para ascender á categoría de prata do fútbol español 18 anos despois. Xosé Manuel Moldes, Luís Timiraos e Roberto Prado narrarán o partido, que contará tamén cos comentarios de Xulio Díaz, adestrador do Lugo no último ascenso; e Nacho, ex-xogador do Celta e do Compostela.
A oferta deportiva da tvG2 para esta fin de semana complétase coa transmisión en directo da carreira de Fórmula 2 que se disputará no circuíto belga SPA Francorchamps, a terceira do campionato e unha das citas máis esperadas do ano, en que competirá o galego Xosé Luís Abadín. A cita para os afeccionados a esta modalidade será o hoxe ás 14.00 h e mañá ás 14.15 h. Ademais, tamén se ofrecerán as probas correspondentes ao GT Open -sábado ás 16.30 h e domingo ás 13.00 h-, que se disputa no mesmo circuíto.