CRTVG Viva
Esther Estévez, elixida mellor comunicadora de televisión por segundo ano consecutivo nos Premios Mestre Mateo
A película 'O corpo aberto', apoiada pola Televisión de Galicia, foi a gran triunfadora da noite con 12 galardóns, entre eles o de mellor longametraxe
A gala foi retransmitida en directo polos medios públicos desde Ourense

Santiago, 12.03.2023.- A xornalista e presentadora do espazo #DígochoEu da CRTVG, Esther Estévez, acadou este sábado o seu segundo premio Mestre Mateo como mellor comunicadora de televisión. Esther Estévez, premiada por segundo ano consecutivo, agradeceu o galardón asegurando sentirse “unha privilexiada” mentres recoñecía unha vez máis o traballo de todo o equipo do programa e que se inspira “en toda a xente que segue o espazo desde moitas partes do mundo, non só desde Galicia e que aprecian a nosa lingua”.
A Academia Galega do Audiovisual celebrou este sábado en Ourense a gala de entrega dos Mestre Mateo, na que tamén resultaron premiadas outros proxectos apoiados pola Televisión de Galicia. A película ‘O corpo aberto’, dirixida por Ángeles Huerta, foi a gran triunfadora da noite. Apoiada pola TVG, esta coprodución hispanoportuguesa, realizada pola galega OlloVivo Producións, a catalá Fasten Films e a portuguesa Cinemate, acadou 12 premios, incluído o de mellor película. Os outros son: mellor dirección e guión para Ángeles Huerta, que comparte a última con Daniel D. García; mellor interpretación protagonista de Tamar Novas, e de reparto de Federico Pérez. Tamén, mellor dirección de arte para Antonio Pereira; dirección de fotografía para Gina Ferrer; dirección de produción para Tamara Soto; maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo, Noé Montes e María Barreiro; mellor música orixinal para Mercedes Peón; mellor son para Diego Staub e Jordi Rossinyol e mellor vestiario para Teresa Sousa.
‘Unicorn Wars’, tamén apoiada pola canle pública galega triunfou no apartado de animación, a mesma categoría que gañou nos recentes Premios Goya. E na categoría de documental a película gañadora foi ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’. Ademais, o programa ‘Catro gatos’ recolleu o Mestre Mateo á mellor realización.