CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Especial Letras Galegas hoxe en EIRADO, cunha fonda achega á figura de Lois Pereiro

14/05/2011

O espazo cultural da tvG2 falará do poeta monfortino co seu irmán, Xosé Manuel Pereiro, co escritor Manuel Rivas e co tesoureiro da RAG, Manuel González

Especial Letras Galegas hoxe en EIRADO, cunha fonda achega á figura de Lois Pereiro

Santiago, 14.05.2011.-O programa “Eirado” ofrece esta noite unha edición especial dedicada a Lois Pereiro na tvG2 (o domingo na TVG, ás 10.30h), o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que morreu con só 38 anos e cuxa obra publicada é escasa e pouco coñecida. A súa voz cosmopolita e descarnada marcou un fito na poesía galega de finais do século XX e, 15 anos despois da súa desaparición física, congrega adhesións e paixóns de xentes de todos os ámbitos, estilos e xeracións.

Para achegarse á súa figura, o presentador de “Eirado”, Pemón Bouzas, conversará cunha das persoas que mellor o coñeceu, o seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, con quen compartiu moitas inquedanzas culturais. Da súa man, os espectadores da Televisión de Galicia poderán coñecer mellor o Pereiro persoa e o Pereiro poeta.

O programa tamén falará esta noite do escritor monfortino con Manuel Rivas, unha das persoas que máis loitou para que se lle dedicase o Día das Letras Galegas e que compartiu multitude de proxectos con el.

Ademais, o espazo da tvG2 analizará, coa axuda do tesoureiro da Real Academia Galega, Manuel González, o que supón a decisión, longamente reivindicada durante anos, de homenaxear este 17 de maio a Lois Pereiro, cuxa biografía como autor maldito e cuxa militancia na contracultura o situaron na marxe do canon poético galego.

Por outro lado, a través dunha reportaxe, “Eirado” achegarase aos lugares máis emblemáticos de Monforte de Lemos, a súa vila natal, na súa biografía. A capital do Cabe era o seu principal espazo vital e de afecto e deixou nel unha pegada cultural moi importante.

Outro aspecto da vida de Pereiro en que afondará esta noite o programa é a estreita relación que mantivo con outras artes, sobre todo coa música e co cinema, que influíron fortemente na súa obra. Así, destacarase a súa devoción pola Velvet Underground, unha das bandas de rock máis influentes da historia, e por Lou Reed; a súa preferencia polo cinema francés e alemán; e a súa afección polas películas de Coppola, como “Corazonada”.


   Ademais, “Eirado” falará do espectáculo multidisciplinar “Mundo Lois”, produción innovadora que pretende universalizar a través da imaxe a súa obra; rescatará do arquivo da TVG a videocreación de Manuel Abad “Intervalo”, do ano 1989, na cal colaborou Pereiro como guionista; e lembrará a canción “Narcisismo”, con letra de Lois e que foi a que máis sona lle deu ao grupo de rock galego Radio Océano, liderado polo irmán do poeta.