CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Especial do 'Galicia por diante' da RG desde Lalín, con motivo do inicio este venres da 52 Feira do Cocido

13/02/2020

A partir das 9.30 horas, pulsarase o ambiente que se vive nas rúas lalinenses e Kiko Novoa conversará con algúns dos protagonistas da presente edición

Especial do 'Galicia por diante' da RG desde Lalín, con motivo do inicio este venres da 52 Feira do Cocido

Santiago, 13.02.2020.-  O 'Galicia por diante' ofrecerá este venres un programa especial desde Lalín, na antesala do comezo da multitudinaria 52 Feira do Cocido, declarada de Interese Turístico Internacional. Nas horas centrais do espazo, entre as 9.30 e as 12.00 horas, o presentador Kiko Novoa, desprazado na capital do Deza, conversará hoxe con algúns dos protagonistas da presente edición, establecerá conexións na rúa e achegará as variadas actividades que se van ofertar ao longo desta fin de semana.

Deste xeito, ata o set do 'Galicia por diante', instalado no Concello de Lalín, achegarase o alcalde da localidade, Xosé Crespo Iglesias; a pregoeira da presente edición, a xornalista e escritora Sonsoles Ónega; o doutor en Antropoloxía Social pola USC Xoán Carlos García Porral, cuxa actividade investigadora se centra na difusión do patrimonio histórico-cultural da comarca do Deza; o presidente da Asociación do Camiño de Santiago por Lalín-Deza e propietario do restaurante Villanueva, Moncho García Montouto, e a responsables de Kalékoi, iogur artesán feito con leite do Rodeiro, que se poderá degustar na Feira do Cocido.

O reporteiro da RG Quique Magdalena, pola súa parte, dará conta do ambiente que se vive nesta xornada nas rúas lalinenses e visitará as cociñas dalgúns dos restaurantes que coidan e miman a elaboración deste prato. Entre outros, conversará co cociñeiro Alberto González, de Casa Currás, e co responsable da panadería Do Gaiteiro, José Ramón Vilela, creador do doce Porquiños do Cocido.

Ás 12.00 horas, desde o programa da TVG 'A bóla extra' conectarase tamén con Kiko Novoa, que lles dará conta aos seus compañeiros e á audiencia da Galega das novas máis salientables desta edición, que comeza á noite coa popular Gala do Cocido e coa entrega dos Premios Gastronómicos Álvaro Cunqueiro, que, coma sempre, ofrecerá a canle pública en directo.