CRTVG viva
O Especial Eleccións Europeas da TVG foi seguido por máis de 370.000 espectadores
O programa, que tivo unha cota media de pantalla de 10,9%, acadou picos de audiencia de 16%

Santiago, 26.05.2014.- O Especial Eleccións Europeas que ofreceu a Televisión de Galicia onte ao peche dos colexios electorais europeos, a partir das 23.00 horas, foi contactado ao longo da súa emisión por 374.000 galegos, o que supón o 14,1% da poboación de 4 e máis anos. Este programa, que estivo presentado por Marta Darriba e Xosé M. Maseda, tivo unha cota de pantalla de 10,9%, aínda que chegou a acadar picos de audiencia de 16%.
A Televisión de Galicia realizou un amplo seguimento informativo da xornada electoral para dar conta do transcurso e resultado dos comicios en Galicia, no resto de España e en Europa. Ademais de conectar cos colexios electorais ao longo de toda a xornada, a TVG dispuxo de nove puntos de directo, nas sedes dos principais partidos políticos galegos, nas sedes do PP e PSOE en Madrid, nos centros de datos de Madrid e Bruxelas, e en Lisboa. Pola súa parte, no Especial Eleccións Europeas da noite ofrecéronse os resultados definitivos, apoiados por elementos gráficos e datos de participación, así como as reaccións inmediatas dos líderes dos principais partidos políticos.