CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Escolares de Lugo, Ourense e A Estrada recibiron os premios do certame de curtas en galego 'Nós tamén creamos!'

28/09/2022

As 25 pezas participantes, elaboradas en stop-motion por profesorado e alumnado de Infantil e Educación Primaria, emitiranse na G2 e poden verse na web crtvg.gal

Os proxectos gañadores recolleron os seus premios este mércores en Santiago: ‘Sopa verde’, do CEIP Albeiros, Lugo; ‘O camiño’, do CEE Miño de Ourense; e ‘Un conto cheo de lobos’, do CEIP Manuel Villar Paramá da Estrada

 

Escolares de Lugo, Ourense e A Estrada recibiron os premios do certame de curtas en galego 'Nós tamén creamos!'

Santiago, 28.09.2022.-    Os tres centros gañadores da X edición do certame de curtas en galego 'Nós tamén creamos!' recolleron os seus premios este mércores nun acto celebrado en Santiago. Son os proxectos ‘Sopa verde’, presentado por alumnos de Educación Infantil do CEIP Albeiros de Lugo; ‘O camiño’, vídeo realizado por alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEE Miño de Ourense, e ‘Un conto cheo de lobos’, peza creada por alumnos de 3º e 4º de Primaria do CEIP Manuel Villar Paramá da Estrada.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron na entrega de galardóns ás escolas premiadas nesta edición dos premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia e OQO editora. No acto tamén interviñeron Marta Fernández, xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, e Borja Guerrero, responsable da área audiovisual de OQO Editora.

A canle G2 emitirá proximamente as 25 curtametraxes participantes no concurso. As pezas, elaboradas coa técnica stop-motion por profesorado e alumnado de Infantil e 1º a 4º de Primaria de colexios galegos, poden verse tamén na sección infantil da páxina web da CRTVG .  

A CRTVG colabora na realización destes premios para fomentar unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso en formatos audiovisuais e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos rapaces e rapazas a web dos medios públicos galegos.