CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Era Visto!" achégase ao seu terceiro ano manténdose entre os espazos favoritos dos espectadores galegos

04/02/2014

En xaneiro, o programa de humor da TVG rexistrou un 15% de share e unha media de 175.000 espectadores

 

Con máis de 630 emisións, as historias de Moncho, Elvira, Kevin e compañía seguen a gozar do favor da audiencia

 

A serie é un dos espazos incluídos no servizo de segunda pantalla da Televisión de Galicia, que lle permite ao público acceder a contidos extra a través móbiles, tabletas

"Era Visto!" achégase ao seu terceiro ano manténdose entre os espazos favoritos dos espectadores galegos

Santiago, 04.02.2014.-    A piques de facer tres anos en antena e con máis de 630 emisións ás costas, o programa de humor “Era Visto!” non manifesta síntomas de esgotamento, senón todo o contrario, xa que continúa a ser un dos espazos favoritos dos telespectadores galegos. Esta comedia, que actualmente se emite os luns, os martes e os xoves ás 22.00 h., conta cada semana cuns altos índices de audiencia e coa fidelidade do público. Durante este tempo, os seus protagonistas foron capaces de meterse de cheo nos fogares galegos e, como non, de arrincarlles un sorriso.

Esta proposta de humor costumista, que ten os seus teitos de audiencia en 252.000 espectadores e nunha cota de pantalla do 24,2%, acadados hai poucos meses, rexistrou o pasado mes de xaneiro, cando comezou unha nova temporada, unha audiencia media de 175.000 espectadores e un 15% de share. Así pois, as novas historias de Moncho, Elvira, Kevin e compañía seguiron a seducir a audiencia despois do descanso de Nadal. Sen ir máis lonxe, o último programa do mes de xaneiro, ofrecido o xoves pasado, obtivo unha cota do 17,3% e unha media de 203.000 espectadores.

“Era Visto!”, unha produción de Zopilote para a TVG, escrita e dirixida por Carlos Ares, Xosé Castro e Andrés Mahía, é un xeito diferente de achegarlle ao público unha comedia familiar, alternativa á ficción tradicional, en que prima o humor verbal dos personaxes orixinais do universo rural galego. O protagonista é un pai de familia, un home optimista, casado e cun fillo, que vive nunha difusa zona rural. Os personaxes falan do que lles pasa, discutindo e intentando amañar os seus problemas cotiáns, que xiran principalmente arredor da guerra de sexos, dos conflitos xeracionais e dos problemas laborais.

Esta comedia, que se estreou en marzo de 2011, conta coa participación nas súas historias e sketchs de actores tan destacados da escena humorística galega como Federico Pérez, Manuel Manquiña, Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Patricia Vázquez e Víctor Fábregas. No episodio de “Era Visto!” que a Televisión de Galicia ofrecerá esta noite, os espectadores verán como se vai celebrar un concurso de empanadas en Lameiro e Elvira non está disposta a que o gañe a súa inimiga Carmucha.

“Era Visto!” é un dos espazos incluídos no proxecto da segunda pantalla, tamén coñecido como televisión aumentada, un innovador servizo tecnolóxico para o público da TVG que permite, a través dunha aplicación, que teléfonos móbiles, tabletas ou portátiles recoñezan o programa que se está a ver na televisión convencional e ofrezan, na pantalla doutro aparello, contidos extra personalizados. Este servizo, fai posible, entre outras cousas, puntuar os programas, realizar comentarios nas redes sociais, recomendarlles espazos aos amigos, participar en concursos, gañar premios e obter promocións e descontos.