CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Entregados os premios do certame infantil de curtas en galego 'Nós tamén creamos'

30/11/2018

O acto tivo lugar no Culturgal e os tres colexios gañadores recibiron un agasallo da CRTVG, un lote de libros e un diploma da Secretaría Xeral de Política Lingüística

 

 

Entregados os premios do certame infantil de curtas en galego 'Nós tamén creamos'

Santiago, 30.11.2018.- Os alumnos e alumnas dos tres centros gañadores do concurso de curtametraxes de animación en galego 'Nós tamén creamos!' de 2018, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a CRTVG e a Editorial OQO, recibiron os seus premios nun acto celebrado na feira Culturgal en Pontevedra. Nesta ocasión, foron alumnos do CEIP Labarta Pose (Zas), Ponzos (Ferrol) e Xunqueira 2 (Pontevedra) os que se fixeron cos galardóns.

No acto interviñeron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Elena Castro, xefa do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa da Consellería de Educación, Borja Guerrero, responsable da área audiovisual de OQOeditora e a xefa do servizo de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, que entregou o premio ao CEIP de Ponzos (Ferrol) e animou aos nenos e nenas a disfrutar dos contidos da canle infantil do portal crtvg.gal.

As curtas gañadoras, elaboradas coa técnica stop-motion, están dispoñibles na na páxina web da CRTVG. Os colexios galardoados recibiron un lote de libros de OQOeditora, unha televisión entregada pola CRTVG e un diploma acreditativo. 

A CRTVG colabora na realización destes premios para fomentar unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso en novos formatos e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos cativos e cativas a web dos medios públicos galegos.