CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

En pleno tempo de outono, “Aquí Galicia” acode a unha nova edición da tradicional Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes

27/10/2018

O espazo aproveitará esta cita para coñecer máis sobre micoloxía e a contorna da zona, así como sobre o mel, desde un centro de referencia deste produto apícola

En pleno tempo de outono, “Aquí Galicia” acode a unha nova edición da tradicional Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes

Santiago, 27.10.2018.-  Coa chegada do tempo outonal os cogomelos agroman polos montes de toda Galicia. Por iso, o equipo do “Aquí Galicia” (16.05 h.) non quererá perder as calidades e preparacións do produto gastronómico rei desta tempada e asistirá á 29 edición da Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes de García Rodríguez.

Toda unha cita tradicional en que, ademais de degustar un menú a base de cogomelos elaborado polo recoñecido Pepe Solla, un equipo do programa realizará unha saída ao monte para coñecer máis sobre a súa recollida.

Coñeceranse os atractivos turísticos das Pontes, como a súa ponte romana, cruceiros e sarcófagos, así como tesouros naturais situados na serra do Xistral ou no monte Caxado. Outro punto de interese do concello que visitará o “Aquí Galicia” é o lago das Pontes, tamén un emprazamento dedicado á realización de actividades deportivas.  

Neste percorrido, o espazo achegarase ata a Casa do Mel, centro de referencia deste produto, cuxas colmeas abundan nos montes das Pontes, e á central térmica das Pontes, onde se coñecerá o interior destas instalacións.

No transcurso do “Aquí Galicia”, os presentadores Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña conversarán con Xaime Rodríguez Trigas, actual campión galego e subcampión de España de Coctelaría, e darán paso ás variadas actuacións musicais que hoxe terán como protagonistas o Grupo Triunfo, a banda de gaitas e o grupo de baile moderno da Escola Municipal das Pontes, as formacións tradicionais Os Trevillas e No cómbaro, e bailes de salón procedentes do concello veciño de Narón.