CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Emocionante triángulo amoroso na proposta cinematográfica desta noite na TVG: "Dalia e os seus amores"

14/05/2018

Con María Mera, David Seijo e Xoán Fórneas como protagonistas, o filme (22.05 h.) arranca coa chegada dunha modista a unha vila galega para investigar a morte da súa nai

Emocionante triángulo amoroso na proposta cinematográfica desta noite na TVG: "Dalia e os seus amores"

Santiago, 14.05.2018.-    A Televisión de Galicia ofrece esta noite o filme “Dalia e os seus amores”, que narra os acontecementos dunha vila galega nos anos 50 desde a perspectiva dunha costureira que traballa para mulleres ben situadas.

Interpretada por María Mera, Dalia é unha modista que vive na cidade, unha muller valente e loitadora. A inesperada morte da súa nai levaraa a unha vila chamada Prescedo, onde descubrirá moitas cousas do seu pasado. A súa chegada abrirá vellas feridas nun lugar cheo de segredos.

Pero se algo atopará Dalia en Prescedo é a admiración, o amor e a paixón de dous homes ben diferentes, Gonzalo (David Seijo) e Lourenzo (Xoán Fórneas), a quen coñecerá por casualidade na súa chegada á vila e que emprenderán unha loita encarnizada entre eles para conseguir chegar ao seu corazón.

Co encanto agochado do home cultivado, sensato e con aire taciturno, Gonzalo é o mestre da escola de Prescedo, pero as súas miras están máis lonxe, na Universidade de Santiago, onde Dalia o axudará a conseguir unha cátedra. Aínda que a súa relación ten uns comezos difíciles, axiña ao corazón de Gonzalo, que pasa a vida entre libros e poemas, lle chegará o momento de vibrar.

Pola súa parte, Lourenzo, o fillo do indiano da vila, é atractivo, rico e con labia dabondo para engaiolar calquera moza que se lle antolle. Goza dunha vida luxosa e desenfadada, pero co que non contaba é con que o amor lle petase na porta. O seu con Dalia será, sen dúbida, amor a primeira vista.

Así pois, os espectadores da TVG poderán somerxerse esta noite neste emocionante triángulo amoroso, co pano de fondo dunha historia de intriga e superación. Por quen se decidirá Dalia ao final?

A noite cinematográfica continuará na Galega con “Hotel Almirante”

O cinema con selo galego segue a ser protagonista na Televisión de Galicia este luns á noite, a continuación, coa emisión de “Hotel Almirante”, filme participado pola TVG, rodado en Galicia, producido por empresas do país e realizado por profesionais do audiovisual galego.

“Hotel Almirante. A Película”, inspirada na obra homónima da escritora lucense Marta Rivera de la Cruz e dirixida por Antonio Cuadri, narra unha historia de sagas familiares situada na posguerra e en Lugo. Ana Turpin, Fernando Tato, Rosalía Castro, Xoque Carbajal e Mariana Expósito encabezan o elenco de actores e actrices galegos que participan en “Hotel Almirante”.

A historia de “Hotel Almirante” sitúase en 1948 na cidade galega de Ribanova, onde aparece morta unha moza nun cuarto do hotel rexentado por Rosalía Leal. As primeiras evidencias da policía confirman que se trata dun suicidio, pero a publicación no xornal local dunha carta da muller implica sentimentalmente a Javier, pertencente a unha poderosa familia da cidade, os Aldao, pero enfrontado politicamente ao seu pai por militar no bando republicano.
    
Estes sucesos e a chegada á cidade de Javier Aldao van desencadear un remuíño sentimental en Rosalía, presa dun axitado pasado e abocada, a pesar da súa resistencia, á chamada dun novo amor.

A película rodouse en diferentes localizacións das provincias de Lugo e A Coruña e nela participaron máis de 60 profesionais e preto de 250 figurantes.