CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Emilio Españadero, director e presentador do programa da RG 'Lume na palleira', recibe o Premio Mestre na Memoria da AELG

23/10/2020

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñece o seu labor á fronte dunha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, que lle dá un lugar de seu á música folk e tradicional

Emilio Españadero, director e presentador do programa da RG 'Lume na palleira', recibe o Premio Mestre na Memoria da AELG

Santiago, 23.10.2020.-    Emilio Españadero, presentador do programa da Radio Galega 'Lume na palleira' e tamén colaborador do espazo 'Diario cultural', recibe este venres o Premio Mestre da Memoria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Será no transcurso dun acto que terá lugar no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

Españadero é director e presentador, desde 1992 ata a actualidade, do programa 'Lume na palleira', unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país coma doutros, principalmente dos de influencia celta, teña un lugar de seu.

Excompoñente do colectivo de música tradicional O Son da Terra e da banda de gaitas Os Rexumeiros, membro da organización das Noites Celtas da Coruña, foi tamén membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk Cuarto Los Valles, en Navelgas (Asturias). Tamén foi autor durante varios anos da páxina Feitizo de Sons no suplemento dominical do xornal 'Galicia Hoxe'.