CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Remata a gravación das catro obras finalistas do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da RG

16/11/2017

'Alianzas', 'Andrómenas soa moi antigo', 'Psicofonías' e 'Proxecto tempo', seleccionadas entre as 61 pezas presentadas ao certame, foron dramatizadas nos estudios de San Marcos baixo a dirección de Santiago Cortegoso

O xurado está formado por Carmen Castro, Antón Lopo, Eva Ferreira, Tania Fdez. Lombao, Ana Romaní e o propio Cortegoso

Remata a gravación das catro obras finalistas do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da RG

Santiago, 16.11.2017.-   O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico ten xa listas as gravacións das catro finalistas. As obras presentadas baixo os lemas 'Alianzas' (Avelina Pérez), 'Andrómenas soa moi antigo' (Fernando Epelde), 'Psicofonías' (Marcos Abalde) e 'Proxecto tempo' (Clara Gayo) foron dramatizadas por un equipo de actores e actrices dirixido por Santiago Cortegoso  e emitiranse nos distintos programas da Radio Galega ao longo de dúas semanas. Tras a súa emisión, daranse a coñecer o Premio do Xurado e o Premio da Audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros.

O xurado do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está formado polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso, a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Eva F. Ferreira; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro; por designación da Secretaría Xeral de Cultura, o crítico de teatro Antón Lopo; Tania Fernández Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do 'Diario Cultural'.

Un total de 61 obras presentáronse a esta undécima edición deste certame, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.

Na foto, convocatoria da presente edición do certame, desenvolvida por Tania Fdez. Lombao, xefa de Programas da Radio Galega; Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Ana Romaní, directora do programa 'Diario Cultural'.