CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Edición especial de "Larpeiros", que hoxe preparará un menú con todos os manxares que non poden faltar nun bo xantar de Entroido

13/02/2018

Cocido, filloas, lacón con grelos, empanada e androlla son algunhas das receitas que se cociñarán este martes nos fogóns do programa (22.05 h.)

Edición especial de "Larpeiros", que hoxe preparará un menú con todos os manxares que non poden faltar nun bo xantar de Entroido

Santiago, 13.02.2018.-    O Entroido é por antonomasia a festa da fartura, dos excesos, do bo beber e, sobre todo, do bo comer. Os galegos desenvolvemos unha rica e variada gastronomía arredor desta celebración. O caso é que, en pleno martes de Entroido, non hai cousa que apeteza máis que un cocido, un lacón con grelos ou unhas filloas. Por isto, o programa “Larpeiros” vai facer esta noite un percorrido polos pratos máis típicos destas datas.

Pero antes de meterse na cociña hai que conseguir a mellor materia prima, o que en Galicia non supón problema ningún. Cos prados verdes de grelos, o “larpeiro” Adrián irá hoxe ata Monfero, unha das mecas galegas no que a esta verdura se refire, onde aprenderá do mellor guía e apañador de grelos desta localidade coruñesa.

Mentres tanto, os seus compañeiros irán pensando nun entrante. Nun bo xantar de Entroido está claro que non pode faltar de primeiro unha empanada para ir entrando en materia. Os galegos sabemos facer empanadas de case calquera cousa: as clásicas de bacallau, de bonito, de carne, de polbo, de zamburiñas… Pero como a Benigno e a Lola lles gusta sorprender e ensinarlles cousas novas aos espectadores, van preparar unha empanada de mexillóns e cogomelos.

Cos grelos traídos por Adrián pódense facer infinidade de cousas, como unhas filloas recheas, un revolto, unhas croquetas… Pero está claro que co que mellor que casa esta verdura é cun bo lacón, polo que Benigno e Lola se porán aos fogóns a preparar lacón de tres quilos xa desalgado.

O cocido é outros dos reis da mesa durante o Entroido, en que sempre parece todo pouco e logo sobran cantidades enormes. Pero iso nunca foi un problema, xa que o cocido é un prato que recicla moi ben: coas sobras pódense facer croquetas ou empanada. Os cociñeiros de “Larpeiros” van sorprender con outra idea xenial: canelóns de cocido.

As filloas son outro dos clásicos do Entroido. Salgadas, doces, de sangue, recheas… Hainas para todos os gustos. Nesta ocasión, Merchi e Leni prepararán unha versión do máis entroideira: filloas recheas de grelos.

Nalgúns sitios de Galicia non se entende o Entroido sen a androlla, esa curmá do chourizo máis miúda que o botelo. O programa mandará a Adrián ás fermosas terras do macizo central galego para aprender dunha experta a elaboración das androllas dun xeito completamente artesanal. Viana do Bolo é un dos templos da androlla en Galicia. Alí, nas frías terras de montaña, aínda elaboran este embutido coma se fixo toda a vida.

Como é máis habitual comer a androlla é cocida cunhas ricas patacas, unha boa verdura e algo máis de carne de porco. Pero xa se sabe que os “Larpeiros” son amantes do risco e hoxe vanlle dar unha reviravolta a este manxar. Como a súa imaxinación non ten límites, van preparar un arroz con androlla.

“Larpeiros” xa leva hoxe unha boa enchente, como debe ser nun día de Entroido, pero non pode marchar sen unha derradeira sobremesa. Deste xeito, este menú especial pecharase por todo o alto, cunhas filloas de chocolate.