CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Ecce Perdomo', o vindeiro martes, e 'Latexos da cidade', o mércores, primeiras estreas da programación de verán da TVG

22/06/2019

Na primeira, o cómico David Perdomo transformarase cada semana nun estereotipo recoñecible da sociedade galega, mentres que a segunda tomaralles o pulso ás grandes urbes galegas a través das persoas que as habitan

Dúas series portuguesas, un magazine diario en directo e un concurso para cantantes de orquestras chegarán á grella a partir do 30 de xuño

'Ecce Perdomo', o vindeiro martes, e 'Latexos da cidade', o mércores, primeiras estreas da programación de verán da TVG

Santiago, 22.06.2019.-    O verán comezou oficialmente no calendario e tamén na programación da Televisión de Galicia, que durante os vindeiros días estreará novos espazos como preludio da súa grella para esta estación. As principais apostas serán o programa de humor 'Ecce Perdomo', co actor e cómico David Perdomo como protagonista, e o espazo 'Latexos da cidade', que descubrirá vidas diferentes, pero únicas, as das persoas coas que nos cruzamos cada día.

Non hai verán que se prece na TVG sen unha nova temporada do programa 'Vaia troula', que lles ofrece aos espectadores unha escolma dos mellores festexos que se celebran semanalmente en toda Galicia durante os meses de verán. Baixo a batuta de Nieves Rodríguez, 'Vaia troula' reclama o seu lugar na noite dos domingos a partir de mañá e faino por todo o alto, cun especial en directo sobre a noite de San Xoán.

A festa continuará a noite dos luns con 'Hoxe temos plan', un programa que cada semana ofrecerá amplas reportaxes sobre as principais celebracións do amplo calendario festivo galego. Este luns será a quenda da romaría do Corpiño.

Os martes á noite, o protagonista será David Perdomo, que comeza con programa propio o 25 de xuño. En cada capítulo de 'Ecce Perdomo', o actor e cómico galego transformarase nun estereotipo ou individuo recoñecible da sociedade galega. Para isto, entrevistará unha serie de persoas que se axustan a ese estereotipo. Desde o xubilado de aldea que se dedica a traballar o campo, pasando polo ‘pijo’ de cidade que viste de marca, o adolescente apurado que non solta o móbil e quere ser youtuber, o artista de trap ou o galeguista incansable que toca a pandeireta... David Perdomo pintará un retrato audiovisual, esaxerado e algo deformado, de cada un deles, algo semellante ao que a señora Cecilia Giménez fijo co 'Ecce Homo' de Borja.

A dos martes tamén será 'A noite de...', un programa de produción propia que porá en valor os máis de 30 anos de arquivo da TVG. Trátase dun biopic televisivo e profesional de nomes recoñecidos en Galicia, desde presentadores como Piñeiro, Gayoso e Roberto Vilar, ata actores como Miguel de Lira ou Teté Delgado e persoeiros doutros ámbitos coma o mítico adestrador Arsenio Iglesias. A primeira entrega ofrecerase o vindeiro martes e estará dedicada a Benigno Campos, o cociñeiro do programa 'Larpeiros'.

A TVG rematará as xornadas dos martes 'Festigaleando', un espazo que comezou esta semana con O Son do Camiño e que lles dará cobertura a todos os festivais de música alternativa da nosa comunidade, desde o Resurrection Fest ata o Port América.

Estrea de 'Latexos da cidade'

O mércores será o día de medir os 'Latexos da cidade', un novo programa que chega o 26 de xuño e que lle tomará o pulso ás grandes urbes galegas a través dos seus protagonistas: as persoas que as habitan, con vidas extraordinariamente normais mais cheas de contrastes e matices. A través das súas rutinas, os espectadores saberán, por exemplo, a que hora espertan Vigo ou A Coruña, a que hora abren os colexios en Ferrol, que fai un policía ou un bombeiro no seu día a día en Pontevedra ou en Ourense e en que lugares se desafogan os lucenses despois dun duro día de traballo.
    
O vindeiro mércores a TVG tamén estrea 'Toliños por ti', espazo semanal que terá como protagonista o actor Xosé A. Touriñán e os seus múltiples personaxes: João Simões, Mucha, o gorrilla, o xubilado, etc.

A grella do verán completarase en xullo

A estas novas apostas sucederanas nas vindeiras semanas dúas novas series portuguesas: unha, o fenómeno de audiencia 'Ouro verde', e outra, a coprodución entre a TVG e a RTP 'Verão M', inspirada na serie coa que todos medramos. Tamén chegarán á grella da Televisión de Galicia, entre outras novidades, o concurso 'A liga dos cantantes extraordinarios', que escollerá o/a mellor intérprete de orquestra; o programa 'Escaparate', que propón adentrarse nas tendas de toda a vida que loitan por seguir a flote; e o magazine diario 'Adiviña quen vén esta tarde', unha aposta decidida pola televisión en directo, coa participación activa do público, entrevistas curiosas, reportaxes, música e a presenza de personaxes famosos.