CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Dúas películas participadas pola TVG, 'O que arde' e 'Longa noite', chegan ao Festival de Toronto

06/09/2019

Ambas as dúas comezan así un intenso periplo internacional, que durante as vindeiras semanas as levará a outras relevantes citas do panorama mundial, como Nova York e San Sebastián

O filme de Oliver Laxe, premiado na pasada edición de Cannes, estreouse xa en 55 salas francesas, todo un fito para o cinema galego

Dúas películas participadas pola TVG, 'O que arde' e 'Longa noite', chegan ao Festival de Toronto

Santiago, 06.09.2019.-    Os filmes galegos ‘O que arde’ e ‘Longa noite’, participados pola Televisión de Galicia, compiten estes días na 44ª edición do prestixioso Festival de Cine de Toronto, que recolle o mellor do ano e a onde tamén chegan outras producións galegas. Trátase da primeira vez que dúas películas rodadas en galego están presentes no certame canadense. Ambas as dúas comezan así un intenso periplo internacional, que durante as vindeiras semanas os levará a outras relevantes citas do panorama mundial.

Tras a estrea de ‘Longa noite’ o mes pasado no festival suízo de Locarno, onde Eloy Enciso obtivo o Boccalino D’Oro á mellor dirección pola Asociación da Crítica do Cine Independente, esta semana a produtora Filmika Galaika pon rumbo ao Toronto International Film Festival con este traballo e con ‘Those that, at a distance, resemble another’, de Jessica Sarah Rinland. En Toronto tamén está presente ‘Carne’, unha curtametraxe de Abano Producións, dirixida por Camila Kater, que reflexiona sobre o corpo da muller.

A continuación, o equipo de ‘Longa noite’, película que narra con actores non profesionais a historia dun home que regresa á súa terra natal anos despois da Guerra Civil, viaxará ata Nova York, onde conseguiu outra importante selección dentro do apartado ‘Projections’ deste importante festival, que terá lugar do 27 de setembro ao 13 de outubro.

As dúas longametraxes de Filmika Galaica competirán na sección ‘Wavelenghts’ de Toronto, para a que tamén foi elixida ‘O que arde’, de Oliver Laxe. Esta produción de Miramedia, que xa obtivo o premio do xurado na sección ‘Un certain regard’ da pasada edición do Festival de Cannes e que acaba de ser seleccionada para os European Film Awards, desenvolverá un intenso percorrido por festivais antes da súa chegada aos cines españois o 11 de outubro. Ademais, desde onte pode verse no circuíto comercial francés, onde a súa proxección en 55 salas -cinco delas en París- supón todo un fito para o cinema galego.

San Sebastián e Nova York serán os seguintes destinos de ‘O que arde’, a epopea vital no Courel da anciá Benedicta e do seu fillo Amador, ex-convicto e pirómano, que foi seleccionada en máis de 40 festivais de todo o mundo, entre os que tamén se atopan os de Tokio ou Busan. Nas súas dúas vindeiras citas, o filme de Oliver Laxe, terceira película coa que gañou premio en Cannes, exhibirase dentro das seccións dedicadas a recompilar as producións internacionais máis destacadas do ano: ‘Perlas’, no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, que se celebra do 20 ao 28 de setembro, e ‘Main Slate’, no New York Film Festival.