CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

#DígochoEu estrea #DígochoWHAT?!, nova sección para ensinar galego básico a estranxeiros

03/01/2023

Esther Estévez conversará con Christina Blum, unha moza de Carolina do Norte

Poderase seguir a través da canle de YouTube da CRTVG e desde www.g24.gal

#DígochoEu estrea #DígochoWHAT?!, nova sección para ensinar galego básico a estranxeiros

Santiago, 04.01.2023.- O #DígochoEu amplía horizontes, cunha nova sección: #DígochoWHAT?!, na que Esther Estévez, condutora do espazo das canles dixitais dos medios públicos, ensinará galego a estranxeiros. O multipremiado proxecto da CRTVG para achegar a lingua propia á audiencia ocuparase a partir de agora tamén das persoas que non coñecen nada do idioma. 

Cada luns, os seguidores dos medios públicos terán unha nova entrega do #DígochoWHAT?! na canle de YouTube da CRTVG e na páxina www.g24.gal, ademais de nas redes sociais do espazo, onde os seus vídeos acumulan xa 75 millóns de reproducións.

A nova sección do #DígochoEu arrancará coa iniciación ao galego de Christina Blum, unha moza de Carolina do Norte, nos Estados Unidos de América, que chega a Galicia para traballar como axudante de conversa en inglés nun centro educativo de Ribeira. Sen coñecer o castelán nin o galego, aprenderá ambas linguas a un tempo, a galega coa axuda de Esther Estévez. 

#DígochoWHAT?! Permitirá as persoas interesadas en iniciarse no galego aprender o básico para manter unha conversa. Desde como saudar ou presentarse, ao alfabeto e os verbos máis comúns. 

O lanzamento da nova sección coincide con outra novidade no #DígochoEu, que acaba de estrear mascota, o raposo Digochiño, para axudar tamén os máis pequenos a manexarse con fluidez na lingua propia. 

Ademais, #DigochoEu, que se estreou o 1 de xaneiro do ano 2020, dentro dos Servizos Informativos da TVG, celebra tres anos de percorrido. Actualmente, conta co seu propio portal, digochoeu.gal, redes sociais con milleiros de seguidores, directos semanais en Twitch en que se achega o portugués no ‘Apuntamento lusófono’ e varios concursos en marcha, como os Premios #DígochoEu. Ademais, #DígochoEu colabora coa comunidade educativa galega, dinamizando o ensino do galego e creando accións coas que seguir espallando o bo uso da lingua, especialmente entre os máis novos.