CRTVG Viva
Digochiño.gal, a nova web da mascota do #DígochoEu, con todos os episodios para os máis pequenos
En pouco máis dun par de meses, os vídeos de Esther Estévez e o raposo azul superanos dous millóns de reproducións en TikTok e acumulan tamén centos de miles en Instagram

Santiago, 10.03.2023.- Digochiño, a mascota do espazo #DígochoEu, estrea web. A CRTVG acaba de crear un portal dedicado ao personaxe que cada sábado na G2 fomenta o uso do galego entre os cativos da casa, xunto á xornalista Esther Estévez.
A canle digochiño.gal funcionará como un contedor de episodios, en que os medios públicos galegos ofrecen xa contidos específicos para os máis pequenos. Nela pódense atopar todos os vídeos das conversas entre o raposo e o xornalista en que, entre outros temas, falan de ecoloxía, feminismo, expresións tipicamente galegas ou cuestións cotiás, incorporando tamén cancións.
Desde o seu recente lanzamento, hai pouco máis de dous meses, Digochiño converteuse en todo un fenómeno viral nas redes sociais. A través das canles dixitais de #DígochoEu, os vídeos do raposo azul superan xa os dous millóns de reproducións en TikTok, e acumulan outros centos de miles en Instagram.
Digochiño xurdiu como un spin-off do espazo #DígochoEu, multipremiado proxecto dos medios públicos galegos creado hai tres anos para contribuír ao fomento da lingua e que xa conta con máis de 1.000 entregas. É un pequeno raposo azul e branco, as cores da bandeira galega, que foi gañando protagonismo en medios dixitais con cada entrega, grazas á boa acollida da cativada. O espazo infantil conta cun estudo propio nas instalacións da TVG, en San Marcos, onde se gravan as entregas.
Digochiño incorpórase coas súas canles ao universo do espazo #DígochoEu, que conta cun portal propio, digochoeu.gal, redes sociais e directos semanais en Twitch, con milleiros de seguidores, ademais dos Premios #DígochoEu, destinados a centros escolares, ou o espazo #DígochoWHAT?!, en que Esther Estévez, ensina galego a estranxeiros.