CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Diariocultural.gal consolidouse nos seus primeiros tres meses como punto de encontro para a audiencia dixital

08/02/2019

Enmarcado no proxecto #Cultura365 da CRTVG, diariocultural.gal complementa os contidos do ‘Diario cultural’ na RG con espazos específicos e unha especial aposta pola música en directo

Diariocultural.gal consolidouse nos seus primeiros tres meses como punto de encontro para a audiencia dixital

Santiago, 08.02.2019.- O pasado 8 de novembro botaba a andar a nova aposta da Radio Galega, a canle dixital do ‘Diario cultural’, www.diariocultural.gal, coa que a canle achega desde entón, no soporte web, o mellor da súa cobertura cultural, aliñada coa súa oferta radiofónica, e nunha nova estratexia de información que estende a información cultural ao longo de toda a xornada, os sete días da semana.

Esta canle dixital fai tres meses, tempo en que se foi consolidando entre a audiencia, con máis de 4.000 usuarios, e incrementando a audiencia da web da Radio Galega nun 279 % de páxinas vistas.  Os datos de balance apoian a idoneidade deste formato dixital para achegarse á xente nova, cun 65 % do tráfico procedente de redes sociais, e maioritariamente a través do móbil. Entre os contidos máis vistos, hai que salientar os podcasts e a sección de ‘Destacados’, e a sección ‘Caras B’, cos vídeos das conversas cos protagonistas de espazos que non se puideron escoitar na frecuencia modulada.

Neste 2019, a canle dixital do ‘Diario cultural’ afronta novos retos e aspira a ser un dos referentes da cultura en Galicia. Nestes plans de futuro, destaca o pulo aos contidos musicais, xa que no segundo trimestre do ano empezaranse a programar concertos de xeito periódico. Os próximos serán dous gravados no estudio de produción da Radio Galega en San Marcos, o proxecto de fusión de Baiuca e Aliboria e outro de Sumrrá, considerado un dos novos referentes do jazz contemporáneo. Ademais, lanzarase unha nova lapela sobre conversas en profundidade con persoas do mundo da cultura nos lugares con maior significado para eles, baixo o nome de ‘Laretadas’ e unha intensa campaña arredor do Día das Letras Galegas 2019, en que se homenaxeará a Antón Fraguas.

A canle diariocultural.gal enmárcase no proxecto #cultura365 da CRTVG, liderado pola coordinadora de Cultura da CRTVG, María Solar, e que engloba todos os contidos e espazos culturais nos medios públicos, en que destaca o renovado ‘Diario cultural’.

Desde desde setembro de 2018, este veterano programa radiofónico pasou a ter catro edicións diarias de luns e venres e tres nas fins de semana. O proxecto contou enseguida co apoio da audiencia, como quedou reflectido no último EXM: ‘Diario cultural’ chega a máis de 45.000 oíntes pola semana e 100.000 nas súas novas edicións de fin de semana.