CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Destino Santiago' acumula máis de dous millóns de interaccións cos seus seguidores en Twitter

18/04/2017

Nas dúas últimas semanas a audiencia da conta Destinostgo medrou un 60% e os chíos xerados recibiron case 70 millóns de visualizacións

A peregrinación de Lucía Pérez e Tonhito de Poi, que chegan este xoves a Galicia, pode verse a través da web www.destinosantiagotvg.gal

'Destino Santiago' acumula máis de dous millóns de interaccións cos seus seguidores en Twitter

Vilafranca do Bierzo 18.04.2017- A Televisión de Galicia comezou hai catro semanas o contido multiplataforma 'Destino Santiago'. Esta nova experiencia conta cun amplo seguemento en redes sociais, con presenza en Twitter, Instagram e Facebook, onde os espectadores poden facer os seus comentarios e estar ao día do programa a través dos perfís Destinostgo e o cancelo #DestinoSTGO.

Desde o arranque do espazo, as publicacións da súa conta de Twitter recibiron case 70 millóns de visualizacións e máis de dous millóns de interaccións. Deste xeito, a participación dos seguidores do programa a través de Twitter incrementouse nas dúas últimas semanas un 60%, ao pasar dunha audiencia que superaba o millón a finais de marzo a situarse por riba dos dous millóns o 17 de abril. 

En canto ao perfil de Facebook, o programa ten un seguimento maioritario entre o público máis novo, de 25 a 44 anos, e conta con publicacións que chegan a máis de 14.000 persoas nesta rede social.

'Destino Santiago' é unha experiencia pioneira en España coñecida como slow TV ou televisión amodiño. Emite, en tempo real e de 8.00 a 20.00 h., o traxecto polo Camiño Francés a Compostela dos interpretes galegos Tonhito de Poi, que se dera a coñecer como membro da banda Heredeiros da Crus e que actualmente colabora no programa da TVG 'Land Rober Tunai Show' e Lucía Pérez, representante de España en Eurovisión 2011.

Os espectadores poden ver os protagonistas nas etapas do Camiño, duns 22 quilómetros cada unha, en directo a través da web www.destinosantiagotvg.gal. Ademais do seguimento ininterrompido, a audiencia pode coñecer a última hora desta viaxe mediante conexións en directo nos diferentes programas dos medios públicos. 

Os artistas, que partiron de Roncesvalles, chegan o xoves a Galicia, tras percorrer 35 etapas polas comunidades de Navarra, A Rioxa e Castela e León. Durante estas semanas, os medios locais e autonómicos destas zonas fixéronse eco desta nova experiencia da Televisión de Galicia. O proxecto permitiulles a estes dous galegos gozar de experiencias como voar en globo pola Rioxa, viaxar nun ultralixeiro por enriba dalgunhas vilas leonesas ou ser recibidos por unha confraría de Logroño. Desde o comezo do proxecto tampouco falta a música e mesmo Tonhito de Poi está a facer a maioría do Camiño descalzo.