CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Destacada fin de semana deportiva na CRTVG, con variadas retransmisións de fútbol, atletismo, baloncesto e hóckey

12/01/2018

Deportivo-Valencia e Levante-Celta, os partidos do 'Galicia en Goles' da Radio Galega

Destacada fin de semana deportiva na CRTVG, con variadas retransmisións de fútbol, atletismo, baloncesto e hóckey

Santiago, 12.01.2018.- Unha fin de semana máis, a CRTVG ofrecerá un variado abano de transmisións e disciplinas deportivas, onde os protagonistas serán os conxuntos galegos. Con fútbol comezan as propostas dos medios públicos galegos este sábado, ás 16.30 horas, coa emisión do Celta B-Ximnástica Segoviana CF.

A cancha de baloncesto do Paco Paz cobrará protagonismo, ás 18.30 horas, para dar cabida ao derbi que disputarán o Río Ourense Termal e Cafés Candelas Breogán, partido correspondente á Leb Ouro.  

A continuación, ás 20.30 horas, os medios públicos galegos –tvG2, Radio Galega e web- darán o salto á Coruña para ofrecer o encontro da Euroliga de hóckey a patíns dun equipo ilusionado e a un paso de cuartos, o do Liceo que recibe na casa o Dinan Quevert.

O fútbol pon en marcha o cronómetro tamén na xornada dominical, ás 12.00 horas. Os seareiros de Santiago agardan que o Compostela, intratable en San Lázaro, volva ofrecer todo un espectáculo deportivo fronte ao Ribadumia.

A partir das 14.15 horas, o Cros Internacional Elgoibar Juan Muguerza, que celebra a súa 75 edición, acaparará toda a atención dos medios públicos galegos.

'A Liga das Cidades' (16.30 horas)  achegará, un domingo máis á tarde fútbol de 2ªB. Nesta ocasión, ofrecerase o Rápido de Bouzas-Pontevedra e o Rácing de Ferrol-Ponferradina. Ás 19.00 horas, poderase seguir tamén en directo o Real Madrid Castela-Coruxo.

Durante esta fin de semana, os amantes do ciclismo poderán poñer na tvG2 o sábado (21.00 h.) e o domingo (14.00 horas) o broche final á temporada do ciclocrós galego coa última competición do Campionato de Galicia de Ciclocrós.  

Radio Galega, coas citas do Dépor e Celta

O sábado, ás 16.00 h., a Radio Galega ofrece o primeiro 'Galicia en Goles' da fin de semana co Deportivo-Valencia como partido destacado. Antes, a audiencia poderá seguir o Reus-Lugo, de Segunda División A, e o Celta B-Segoviana, de Segunda B. Ademais, o baloncesto terá protagonismo co Obradoiro-Guipúscoa, da Liga ACB, e o derbi da LEB entre o COB Ourense e o Breogán. O Liceo-Quevert, da Euroliga de hóckey a patíns, e os partidos da Liga Nacional de Fútbol Sala completan a oferta do polideportivo.

Adiántase o horario de comezo do domingo ás 11.45 h. polo Levante-Celta, de Primeira División. Tamén haberá seguimento ao Sanse-Fabril, de Segunda B, e o Compostela-Ribadumia, de Terceira.

A partir das 16.00 h., a Segunda B será a protagonista co Bouzas-Pontevedra, Cerceda-Guijuelo, Rácing de Ferrol-Ponferradina e Castilla-Coruxo. A xornada de Terceira tamén terá presenza na sesión de tarde, que ás 20.00 horas abrirá os micrófonos do Faladoiro para analizar a xornada e seguir o encontro de Primeira entre a Real Sociedade e o Barcelona.

Os oíntes poden seguir o 'Galicia en Goles' a través da FM, TDT e Mira RG, na web da CRTVG. Os partidos Deportivo-Valencia e Levante-Celta tamén os poden escoitar a través das canles de audio de Bein Sports, a televisión propietaria dos dereitos.