CRTVG Viva
Despois do achado de dez corpos en 'O sabor das margaridas', os investigadores cren que se enfrontan a un asasino cun modus operandi moi diferente
Rosa Vargas descobre un vídeo de corte sexual que contén outra das chantaxes de Marta Labrada
Santiago, 24.10.2018.- Unha semana máis, o misterio e o suspense continúa en 'O sabor das margaridas'. No episodio desta noite, a Garda Civil inspecciona o enterramento atopado por Rosa na parte traseira da nave de polos. Non están seguros de que os corpos estean relacionados coas roupas atopadas na fábrica vella, xa que entre os ósos apareceu un cadáver que, a diferenza dos demais, está vestido.
O forense ditamina que os restos atopados pertencen a mulleres novas e están en distintos estados de descomposición. Foron enterrados nese lugar para camuflalos con ósos animais, polo que a tarefa de reconstrución será complicada. Con todo, polo número de cranios atopados, son capaces de determinar que na fosa había dez mulleres e supoñen que o asasino segue un modus operandi moi diferente.
Por outro lado, Rebeca cóntalle a Rosa que Marta lle pediu a súa tableta xusto antes de desaparecer. A tenente Vargas leva a tableta ao cuartel, onde descobre que Marta a empregou para subir un vídeo a Internet desde unha conta falsa. O vídeo, de corte sexual, contén unha ameaza e Rosa, Alberte e Mauro decátanse de que é outra chantaxe de Marta Labrada. Pensan que chantaxeou a persoa equivocada e por iso desapareceu.
Rosa observa no vídeo unhas columnas cuns relevos moi rechamantes e pídelle a Mauro que investigue todas as casas da vila para descubrir onde tivo lugar a festa. O axente non tarda en dar con Iván Lemos, un home que alugou unha casa cunhas columnas idénticas ás da gravación para facer unha festa con mulleres disfrazadas.
Mentres tanto, Rosa volve como clienta ao club, onde Pamela lle conta que Vivi, unha rapaza que tamén traballa no club, estivo hai anos nunha desas festas. Tras ser alertado por Samanta, Mauro agarda no exterior do club, onde ve saír a tenente.