CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Cinema galego, en aberto, na web da CRTVG con 'Carteleira G'

26/03/2020

O primeiro paquete de películas está dedicado ao mundo do narcotráfico e ábrese ao público esta tarde con seis títulos: Entre bateas, Conexão, O Auténtico Clan, Agallas, Personal movie e Todo é silencio

 

Cinema galego, en aberto, na web da CRTVG con 'Carteleira G'

Santiago, 26.03.2020.- Carteleira G é o nome do proxecto da CRTVG que vai propoñer cada semana un ciclo de cine en galego, cun paquete de filmes en aberto na web crtvg.gal. Cada semana, desde hoxe, unha proposta de películas cun fío condutor común (mesmo director, mesma temática, xénero, etc.), que comeza esta tarde con seis títulos neste primeiro ciclo dedicado ao mundo do narcotráfico. Carteleira G ábrese hoxe ao público e difundirase por todos os medios da corporación, especialmente polas redes sociais. Todas as películas serán en galego e serán títulos que apoiou ou en que participou a Televisión de Galicia.

O obxectivo desta nova proposta da corporación é que a audiencia poida vivir a experiencia de ir ao cinema desde o salón das súas casas, gozando de produtos do cinema galego. Desde esta tarde, as longametraxes que se ofrecen, en aberto, na web crtvg.gal, son:

Entre bateas, de Jorge Coira, 2001. Dous amigos comezan nas redes do contrabando de tabaco e rematan traficando con drogas. A traizón da amizade, a deterioración da convivencia nas vilas da Ría de Arousa e a loita polo poder son algunhas das tramas que a audiencia descubrirá neste filme. Era a primeira longametraxe de Jorge Coira, que quixo darlle un ton naturalista á película. Miguel de Lira e Pepo Suevos encarnan os amigos que se van enfrontar, e o grande e xa tristemente desaparecido Xosé Manuel Olveira Pico dá vida a un inesquecible, cotián e terrible, narcotraficante "de andar pola casa".

Conexão, de Leonel Vieira, 2009, coproducida por TVG e RTP e producida por Xavier Villaverde e Pancho Casal. Miniserie de dous capítulos que explica as conexións da droga entre Galicia e Portugal. Aquí temos un clan familiar capitaneado por unha matriarca á que da vida Mela Casal, nun papel que, sen dúbida, inspirou moitos outros que virían despois, como os personaxes da serie Matalobos (2009-2013).

O auténtico clan, de 2019. Resumo da primeira temporada da serie 'Matalobos' (2009-2010), na que as relacións de familia teñen unha importancia capital. A relación do narcotraficante -encarnado por Luís Iglesia, icona do traficante no cine galego- e da súa nai, interpretada por Luisa Merelas, ten resonancias de traxedia clásica. 

Agallas, dirixida por Samuel Martín Mateos e Andrés Luque no ano 2009. Filme duro e realista sobre o narcotráfico galego en que as relacións de poder e de aprendizaxe acadan gran relevancia. Conta coa participación dun reparto excepcional: Carmelo Gómez, Celso Bugallo, Hugo Silva e Mabel Rivera.

Personal Movie, de Héctor Carré, 2012. Película que se ía ambientar no Caribe e rematou nas praias e zonas de ocio galegas. A droga e os trapicheos teñen un papel secundario, pero á vez resultan vitais porque tocan igualmente os valores dunha sociedade parcialmente corrupta. Santi Romay encarna un rapaz metido en leas, cun asesinato e un cadáver polo medio; Chete Lera é o seu pai, un expolicía que tentará axudar ao fillo.

Todo é silencio, 2012. A derradeira película que José Luis Cuerda filmou en Galicia adaptando, de novo, un texto de Manolo Rivas que imaxinou Brétema como compendio de todo o mapa do narcotráfico galego. Aquí, o narcotraficante, pai e patrón, é Juan Diego, noutra das grandes creación do actor.

Ademais deste proxecto sobre cine, a CRTVG xa puxo en marcha Corentena en galego, que propón cada día unha serie en galego das que a TVG ten a disposición do público no seu catálogo de series enserie.gal. Para estar ao tanto da publicación dos contidos da Carteleira G e das novidades da Corentena en galego, a CRTVG anima os galegos a seguiren "Televisión de Galicia" en Facebook e @tvgalicia en Twitter e Instagram.