CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Desde Baños de Molgas, 'Vaia Troula' ofrece un programa especial dedicado ás festas dos Milagres espalladas por toda Galicia

08/09/2019

Ademais, as reporteiras estarán, entre outras, na romaría da Virxe da Franqueira da Cañiza, nas festas dos Remedios de Ourense e na Noite das Bandeiras de Castro Caldelas (22.30 h.)

Desde Baños de Molgas, 'Vaia Troula' ofrece un programa especial dedicado ás festas dos Milagres espalladas por toda Galicia

Santiago, 08.09.2019.-    As celebracións dos Milagres, que esta fin de semana enchen Galicia de paixón e devoción, serán as grandes protagonistas do ‘Vaia Troula’ deste domingo. A mestra de cerimonias, Nieves Rodríguez, vivirá con todos os espectadores da Televisión de Galicia o día dos Milagres desde o santuario de Baños de Molgas. Alí acudiron durante toda a fin de semana milleiros de devotos para facer as súas ofrendas á Virxe dos Milagres.

A reporteira Adela Bértolo tamén estará en Baños de Molgas para vivir en primeira persoa o espectacular rosario das candeas. Pero, ademais, Bértolo comprobará que, nunha fin de semana tan especial, tamén hai tempo para a festa rachada neste concello ourensán.
    
Pola súa parte, Raquel Pérez viaxará ata Caión, no concello da Laracha, onde a Virxe dos Milagres é, como en Baños de Molgas, a gran protagonista do día. Nunha contorna incrible, milleiros de peregrinos chegan ao santuario de Caión cunha fe capaz de mover montañas.
    
Belén Vara estará no concello da Cañiza para participar no día grande da romaría da Virxe da Franqueira. Neste lugar hai unha fermosa procesión en que a Virxe vai nun carro de bois e tamén unhas curiosas danzas que representan as antigas loitas de mouros e cristiáns.

E Belén Rivero será unha máis no día da Virxe dos Remedios de Ourense. Trátase dunha celebración moi tradicional na cidade das Burgas, que atrae centos de persoas ata unha pequena capela situada preto do río Miño.
    
Nunha fin de semana tan emocionante e cargada de festas, as cámaras de ‘Vaia Troula’ tamén estarán presentes na divertida Noite das Bandeiras de Castro Caldelas e na romaría da Nosa Señora de Aciveiro, en Forcarei. E, ademais, a orquestra Marbella será a encargada de poñerlle ritmo a este programa tan completo.