CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Desde A Guarda, os "Larpeiros Festeiros" Benigno e Adrián cociñarán un salpicón e unha caldeirada de lagosta

10/07/2018

A TVG tamén estará esta noite (22.10 h.) na Festa dos Callos de Meis e na Festa do Lacón de Silleda e descubrirá onde están "Os Mellores Callos do Mundo"

Desde A Guarda, os "Larpeiros Festeiros" Benigno e Adrián cociñarán un salpicón e unha caldeirada de lagosta

Santiago, 10.07.2018.-   Os “Larpeiros Festeiros” viaxan a algunhas das festas gastronómicas máis senlleiras de Galicia para cociñar nas rúas e prazas os pratos homenaxeados. Benigno Campos amosará a súa sabedoría diante dun público que lle poderá facer preguntas, dar suxestións e, porque non, botar unha man, se fora preciso. Para todo isto contará coa axuda e o bo humor de Adrián, que tamén percorrerá a vila en festa, descubrirá a súa gastronomía e coñecerá moitos lambonciños amigos das cousas ricas.

Este martes, poderase ver os “Larpeiros Festeiros” na Guarda, para dar a merecida homenaxe á súa lagosta, aproveitando a 28ª Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. Benigno cociñará na praza de San Benito da Guarda coa axuda de Adrián. Entre os dous farán un salpicón e unha caldeirada de lagosta. Ademais Adrián, acompañado de Diego, aproveitará para coñecer o mundo das cetarias de marisco. Tamén se verá da man de Roi, un experto pasteleiro, a elaboración da famosa rosca de xema da Guarda.

Sopa de Festa

Sopa de Festa”, a cita gastronómica que teñen semanalmente os espectadores da Televisión de Galicia convídaos esta noite á XXVIII Festa dos Callos de Meis, unha celebración que abre a temporada dos eventos gastronómicos na comarca do  Salnés.

O equipo de reporteiros de “Sopa de Festa” amosará todo canto aconteceu neste evento, que comezou hai 28 anos como unha celebración entre veciños e amigos do lugar e na actualidade é unha das festas gastronómicas con maior afluencia dentro da comarca.

Deste xeito e para demostrar que así é, as cámaras do programa pasaron o día de festa cos cociñeiros encargados de preparar os máis de 2.000 quilos de callos, cos organizadores do evento e, como non, cos moitos asistentes que se achegaron para comer unha boa ración de callos e gozar da música que amenizou toda a xornada festiva.

Os Mellores Callos do Mundo

Televisión de Galicia sae este martes pola noite na procura de “Os Mellores Callos do Mundo”. Neste divertido programa, as reporteiras farán un completo percorrido por toda Galicia para coñecer as vivencias das persoas que, dunha forma ou outra, viven rodeadas de callos por todas partes. É o noso prato “contundente” favorito? En que ocasións comemos callos os galegos? Porque existen en Galicia tantas festas dedicadas aos callos? Só están ricos con garavanzos? De que outras formas podemos cociñalos?

Estas son algunhas das moitas preguntas que obterán resposta na Televisión de Galicia en “Os Mellores Callos do Mundo”. As reporteiras do programa, Belén Vara, Ariadna Leis, Mercedes Seixo e Aitana Crespo, sairán de xira para achegarlles aos espectadores todos os segredos dos callos do país.

Para comezar, estarán en Santiago de Compostela. Alí seguirán a tradicional ruta dos callos que ten lugar todos os xoves. De onde vén a paixón dos galegos por esta preparación? A rúa ten a resposta. A continuación viaxarán a Ourense para mercar uns ingredientes de primeira. Na cidade das Burgas tamén coñecerán a Pepe “Callos”, un mestre desta preparación, que coñece todos os segredos dos mellores callos do mundo. O percorrido continuará no concello de Barreiros, onde as reporteiras recibirán unha inesquecible e sabedeira lección de cociña. No programa deste martes tamén haberá tempo para coñecer os prestixiosos templos dos callos dos concellos do Porriño e Salceda de Caselas.

Arredor dos callos existen unha chea de historias que terán cabida neste espazo. Unha das máis interesantes é a da Festa dos Callos do Carnés, en Vimianzo. As reporteiras falarán cos seus confrades e tamén estarán cun grupo de nenos para saber que opinan dos callos.    
    
Ademais, farán un repaso polas outras festas e exaltacións gastronómicas dedicadas aos callos. Algunhas son grandes celebracións recoñecidas fóra das nosas fronteiras e outras reúnen a uns poucos veciños arredor dunha fumegante pota de callos. Pero o que está claro é que todas teñen o seu encanto.
    
O programa rematará cunha gran festa dos callos organizada polos membros da agrupación tradicional Os Saíñas de Xove, que, ademais de ensaiar, cantar e bailar, tamén son moi afeccionados a montar xoldas de escándalo. E para que non falte de nada, “Os Mellores Callos do Mundo” ofrecerá a actuación do grupo tradicional Airiños da Peneda.

Festa do Lacón de Silleda

Despois dos callos, será a quenda do lacón na TVG, que asistirá á Festa do Lacón de Silleda. Vai camiño de ser declarada de Interese Turístico en Galicia e chega este ano ao seu 20º aniversario cun programa cargado de actos, en que haberá unha homenaxe a dous restauradores da vila que colaboraron na organización desta cita gastronómica desde a súa orixe.

É unha das festas máis concorridas da comarca do Deza, onde converxen gastronomía música e, por suposto, a verbena. Cada ano, unhas 2.000 persoas acoden a Silleda para degustar o seu produto por excelencia: o lacón.
    
Dúas panaderías e unha empresa de embutidos da zona preparan uns 300 lacóns para a festa, que se celebra baixo unha carpa cando cae a noite. O produto pode degustarse cocido ou asado, previa reserva nos locais que colaboran co evento.

Polo día, a comisión de festas organiza unha degustación gratuíta de produtos derivados do lacón. Recheo, con grelos ou queixo, son algunhas das especialidades con mais aceptación entre o público. O grupo de baile Aires do Trasdeza e a Banda de Música de Silleda amenizan a festa durante todo o día.