CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Desde a Festa Gastronómica da Richada, o “Aquí Galicia” amosa a contorna e o patrimonio de Forcarei

01/12/2018

Nesta edición, falarase con descendentes do gaiteiro de Soutelo, un dos artistas galegos máis destacados

Desde a Festa Gastronómica da Richada, o “Aquí Galicia” amosa a contorna e o patrimonio de Forcarei

Santiago, 01.12.2018.- O equipo do “Aquí Galicia” (16.15 h.) desprázase ata a localidade pontevedresa de Forcarei, onde hoxe celebran a 25 edición da Festa Gastronómica da Richada. Desde este municipio, berce de grandes artistas galegos, o programa amosará a súa contorna e patrimonio, así como os seus tesouros máis destacados.

Para comezar, o espazo descubrirá algunhas das variadas posibilidades que ofrece o concello en canto a turismo rural. Percorrerá algúns dos lugares con máis encanto natural, como a serra do Candán e a lagoa Sacra, e amosará as súas xoias arquitectónicas, entre as que se encontran as Neveiras de Fixó, a Torre da Alarma de Barciela e o mosteiro de Santa María de Aciveiro, que na actualidade acolle un hotel.

Do mundo do deporte, conversarase sobre as variadas disciplinas en que destaca Forcarei co piloto José Murado e, no eido artístico, falarase cos descendentes de Avelino Cachafeiro, coñecido como o gaiteiro de Soutelo, para glosar a figura dun dos artistas máis grandes que deu Galicia.

Como non podería ser doutro xeito, “Aquí Galicia” degustará carne richada, o ingrediente protagonista do festexo.

O novo artista Martín Máez, que falará da súa obra musical “Aladino e a lámpada marabillosa; o club de ximnasia rítmica As Triscas, que acaba de gañar por cuarto ano consecutivo o Campionato de España; os bailes de salón da academia Sondodance, e unha exhibición de break dance, completan as propostas para a presente edición do “Aquí Galicia”.