CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

CRTVG, primeiro operador de España en emitir un programa en TDT, radio, Twitch e YouTube de xeito simultáneo

31/01/2022

A Corporación Radio e Televisión de Galicia fixo esta integración pioneira coa emisión da #Tanxufesta do sábado pola noite, que foi seguida por preto de 300.000 persoas

CRTVG, primeiro operador de España en emitir un programa en TDT, radio, Twitch e YouTube de xeito simultáneo

Santiago de Compostela, 31.01.2022.- A CRTVG avanza na innovación e multicanalidade  e convértese na primeira canle de España en integrar as novas canles de comunicación coas tradicionais combinando de forma simultánea a emisión da #Tanxufesta na noite do sábado a través da TDT, da Radio Galega, da súa canle de Twitch e a súa canle de YouTube.

A proposta da CRTVG para acompañar ás Tanxugueiras na gala final de selección do representante español en Eurovisión 2022 é tamén xa parte da historia da Corporación. A #Tanxufesta organizada polos medios públicos, formulouse por vez primeira como unha emisión múltiple na plataforma Twitch, TVG, Radio Galega e YouTube e con apoio do Twitter tamén. A emisión reuniu preto de 300.000 persoas na noite deste sábado.

É a primeira vez que un operador español realiza esta emisión simultánea a través destas 4 canles. Foi unha ampla despregadura informativa e de entretemento que seguiron  251.000 espectadores na Televisión de Galicia, cunha cota de 12,9 %, aos que se sumaron 26.312 persoas no YouTube da CRTVG e máis de 6.048 persoas no especial en Twitch. Esta plataforma xerou desde as 22 horas unha importante conversa en directo cos fans das representantes galegas. A CRTVG tiña desprazado un equipo de xornalistas a Benidorm esta fin de semana, con Carlos F. Amado e Esther Estévez, liderando o  streaming de #TanxuFesta en Twitch.

Máis innovación e máis ‘multicanalidade’

A CRTVG segue a desenvolver a súa estratexia para chegar a todos os públicos nas canles onde se atopan, e para iso experimenta coas novas linguaxes, as novas canles e a innovación tecnolóxica. A TVG foi a primeira canle de España en lanzar unha canle Youtube 24 horas e  a primeira pública en retransmitir con éxito a través da tecnoloxía 5G.  En canto aos formatos, o éxito do #DígochoEu en Tik Tok é un exemplo máis da versatilidade da estratexia innovadora da canle, que tamén foi a primeira en facer “slow tv” en España co programa ‘Destino Santiago’ aló no ano 2017.

A CRTVG está a consolidar os datos de consumo das novas canles dixitais e así no 2021 o Facebook da Corporación rematou cun 20 % máis de impactos que en 2020; un 9 % máis en Twitter,  e un 104 % en Instagram. No 2021 tamén se lanzaron proxectos como o portal de noticias G24.gal, o portal de podcasts radiogalegapodcast.gal e se apostou polos streamings en Twitch e Tik Tok como vía de comunicación cos máis novos no eido da promoción da lingua galega.