CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Convocado o certame de curtametraxes en galego "Nós tamén creamos!", co que colabora a CRTVG

09/01/2017

Poderán participar centros escolares de educación infantil e primaria cun filme de animación en stop-motion dun máximo de cinco minutos

Os gañadores recibirán un agasallo da CRTVG, un lote de libros e un diploma da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os docentes recibirán unha certificación de Premio de Innovación Educativa

 

Convocado o certame de curtametraxes en galego "Nós tamén creamos!", co que colabora a CRTVG

Santiago, 09.01.2017.- O concurso de curtametraxes de animación en galego “Nós tamén creamos!”, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abriu o seu prazo de presentación de solicitudes. A CRTVG colabora coa Xunta de Galicia neste programa de dinamización lingüística cuxo obxectivo é promover unha imaxe positiva e actual da lingua, favorecer o seu uso e aprendizaxe en diversos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que ofrece a Televisión de Galicia a través da web. 

O concurso está dirixido a centros educativos de infantil e primaria, onde os docentes poderán colaborar cos seus alumnos na creación dunha curta de animación coa técnica stop-motion, dun máximo de cinco minutos de duración. As obras presentadas ao concurso quedarán accesibles na sección infantil da web da corporación, www.crtvg.gal, e as curtametraxes gañadoras serán emitidas ademais en distintos espazos da Televisión de Galicia.

Os interesados poderán inscribirse ata o 9 de febreiro e deberán presentar os seus orixinais antes do 2 de maio. Os gañadores recibirán un lote de libros de OQOeditora, un  diploma acreditativo da Secretaría Xeral de Política Lingüística e un agasallo da CRTVG. Así mesmo, os mestres recibirán unha certificación de Premio de Innovación Educativa.