CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Conta atrás para o remate de 'Serramoura', que chega ao seu final o domingo na Televisión de Galicia

22/10/2020

A TVG prepara un programa especial arredor do derradeiro capítulo, coa presenza do elenco da serie e unha sorpresa para os seguidores desta ficción

Despois de seis anos en emisión, despídese este thriller rural, un grande éxito de audiencia na noite dos domingos, que gañou catro Premios Mestre Mateo e que chegou a emitirse en Rusia e nos Estados Unidos

Conta atrás para o remate de 'Serramoura', que chega ao seu final o domingo na Televisión de Galicia

Santiago, 22.10.2020.-  A Televisión de Galicia ofrecerá este domingo, ás 22.30 h, o final máis agardado nos últimos anos dunha serie de televisión, o de ‘Serramoura’, a ficción que xa é parte da historia recente da canle pública e que, despois de 173 capítulos e seis anos en emisión, se despedirá definitivamente dos espectadores galegos.

Para este emocionante momento, a Galega prepara un evento especial que xuntará todos os actores de ‘Serramoura’, os actuais e os que xa desapareceron das tramas, para ver o último capítulo e compartilo cos seguidores da serie. Por iso, as redes sociais da canle pública animan estes días os serramourers a enviar os vídeos e preguntas para que os protagonistas da serie contesten durante o especial ‘Evento G’ que se emitirá o domingo xusto antes e despois do derradeiro episodio. Será un programa, presentado por Alba Mancebo e Arturo Fernández, con moitas anecdótas, lembranzas e, sobre todo, cunha gran sorpresa para todos os fans desta ficción. Haberá na fin da serie o principio de algo novo?

Nos estudios da CRTVG en San Marcos reúnense para a ocasión actores como Lucía Regueiro, Isabel Naveira, Alfonso Agra, Monti Castiñeiras, Tito Asorey, Miguel Canalejo, Sonia Méndez, Xulio Abonjo e Luís Iglesia. Tamén participan Fran Paredes, que lleu vida a Gonzalo Soutelo, o primeiro asasino de ‘Serramoura’, e que se reencontrará coa súa nai, interpretada por Uxía Blanco; Sheyla Fariña, que interpretaba a Álex, a filla falecida de Raquel e Pancho; Mariana Expósito, cuxo personaxe de Luz tampouco chegou ao final da serie, e Susana Sampedro, que interpretaba a tenente Rivas, o malogrado grande amor de Santos. Ademais, os espectadores vivirán un emocionante reencontro, o de Diego Bazán, interpretado por Miguel Ángel Blanco, con Marga Neira (Lucía Regueiro), a gran historia de amor da serie, que tivo a audiencia en ascuas durante moitos capítulos.

‘Serramoura’ foi desde 2014 o produto estrela da TVG no prime time dos domingos, onde colleitou grandes cotas de audiencia. De feito, 1.642.000 persoas, o 62,4% dos galegos, viron nalgún momento a serie ao longo deste tempo. Esta ficción, un thriller rural ambientado nunha pequena vila galega que vive do sector da madeira e onde comezan a sucederse os crimes, foi gañadora durante catro anos consecutivos do Premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión, deu o salto ao mercado internacional co nome de ‘Black Forest’ e chegou a emitirse en Rusia e nos Estados Unidos.