CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Con "Serramoura. Ano 0", os seguidores da serie redescubrirán un mundo que xa crían coñecer

07/10/2018

A nova temporada (22.20 h.) comeza cunha precuela de dous episodios, que retrocede a 2010, cando Marga regresa á súa vila natal para ocupar o posto de sarxento no cuartel

Con "Serramoura. Ano 0", os seguidores da serie redescubrirán un mundo que xa crían coñecer

Santiago, 07.10.2018.-    Cal foi o primeiro caso da sarxento Marga Neira en Serramoura? Como era a vida de Teresa Soutelo antes da morte de Xulián? Como se coñeceron Gloria e Evaristo? Como era Mónica Triáns? Estas son só algunhas das preguntas que terán resposta na nova temporada de “Serramoura”, que arranca esta noite na TVG cunha precuela de dous episodios, titulada “Ano 0”, en que os seguidores da serie descubrirán o pasado dos personaxes cos que levan convivindo moitos domingos. Con este novo comezo, redescubrirán un mundo que xa crían coñecer.

Ademais, reaparecerán algúns dos personaxes que xa non están, como Mónica Triáns, a primeira vítima de “Serramoura”; Gonzalo Soutelo, o asasino máis lembrado da serie; Álex Neira, sobriña de Marga e tamén vítima dun dos casos, ou Gloria Moscoso, que abandonou Serramoura para poder sobrevivir. Tamén será o momento de coñecer novos personaxes, como Esther Moscoso, a nai de Gloria, ou o amante de dona Terresa, que aproveita as viaxes de Xulián para afianzar a súa relación.

O capítulo deste domingo fai un salto ao pasado e traslada o espectador a 2010, en pleno Mundial de Suráfrica. Mentres a selección española intenta conseguir o título, Marga Neira regresa á súa vila natal para ocupar o posto de sarxento da Garda Civil. Antes de poñer un pé no cuartel, Marga xa ten que facer uso da súa autoridade. Dous mozos saltaron un control da Garda Civil e fuxiron. Sen perder nin un segundo, ponse mans á obra e consegue detelos: son Álex e Román.

Co traballo feito, Marga incorpórase ao equipo do tenente Penedo, aínda que o que manda no cuartel é o sarxento Casares, un garda civil machista e desganado ao que non lle gustan as normas e que será o seu novo compañeiro.

Pero Marga non só terá problemas no cuartel. O seu regreso porá de manifesto a difícil relación que mantén coa súa familia. Moncho posúe o título de alcólico da vila e Raquel non quere saber nada nin do seu pai nin de Marga, e moito menos despois de deter a súa filla.

Allea á chegada de Marga, Gloria sobrevive con traballos mal pagados intentando poñerlles fin ás débedas que provoca o comportamento da súa nai. Mentres tanto, a asociación de empresarios da madeira outórgalle o seu premio anual a Evaristo Fiúza, o que pon en alerta a dona Teresa: o liderado dos Soutelo na vila está chegando á súa fin.

Seguindo moi de preto a actividade desta familia encóntrase Mónica Triáns, que, integrada en Serramoura, agarda o mellor momento para chantaxear os Soutelo e ocupar o seu lugar na familia.