CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Con Ricardo Llovo e Manu Conde, ‘Clac’ achégase ás claves da realización e da banda sonora de ‘Outro máis’

03/12/2021

O filme, cuxa estrea coincidiu co décimo aniversario da catástrofe do Prestige e que se poderá ver tras o coloquio na G2, trata o compromiso dunha moza cando a marea negra cobre a costa galega

Con Ricardo Llovo e Manu Conde, ‘Clac’ achégase ás claves da realización e da banda sonora de ‘Outro máis’

Santiago, 03.12.2021.-   O programa de cinema da G2 proxectará este venres á noite a tv-movie ‘Outro máis’, unha produción de Filmanova para a TVG, dirixida por Ricardo Llovo e cun elenco case do cen por cento galego. A película, que se fixo para coincidir a súa estrea co décimo aniversario da catástrofe do Prestige, en 2012, trata o compromiso persoal que esperta en Barca, unha moza que vive nunha vila mariñeira cando o chapapote cobre as costas galegas. Rodouse en febreiro e marzo de 2011 e contou con María Vázquez no papel protagonista. Completan o elenco Marta Larralde, Fede Pérez, Fran Peleteiro e Manuel Botana. Tamén inclúe o papel de Víctor Duplá, que encarna o voluntario chegado de Santander.

A película ‘Outro máis’ conta a historia de Barca, unha moza que traballa repartindo pan nunha vila mariñeira cando se afunde o Prestige. Pero ela, inmersa no día a día e organizando a súa voda, non sabe da catástrofe ata unha semana despois. Barca cambia de actitude ante unha serie de sucesos relacionados coa vertedura do piche nas costas, entre eles, a aparición dun voluntario cántabro que a desconcerta.

Para achegarse ás claves desta produción, a presentadora Tania F. Lombao contará no estudio de ‘Clac’ (22:55 h) co director, guionista e editor do filme, Ricardo Llovo, quen traballa na Televisión de Galicia desde hai tres décadas, onde dirixiu e realizou programas como ‘Luces da cidade’, o primeiro semanario de información cinematográfica da televisión pública. No seu currículo inclúense tres longametraxes de ficción. O segundo convidado desta edición é Manu Conde, compositor da música de ‘Outro máis’ e integrante do grupo Milladoiro desde hai máis de vinte anos, puxo música a series da Galega, como ‘Serramoura’, e tv-movies, como ‘Contou Rosalía’.

Ricardo Llovo contará de onde xurdiu a historia, o proceso de documentación (tamén realizara o documental 'Muxía, política na Costa da Morte' sobre as consecuencias políticas do Prestige) e a importancia de María Vázquez como actriz protagonista deste filme, xa que aparece en case todas as escenas. Pola súa parte, Manu Conde explicará o proceso de creación desta música orixinal no que buscaba que soase a Galicia e para o que chegou a combinar música tradicional galega (pandeiretas) con guitarras eléctricas conseguindo así dar cun son étnico. A música está moi presente en todo o filme. Ademais, como é habitual, o coloquio contará coa participación de Eduardo Galán, experto en cinema dos medios públicos galegos.