CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Con Amor e Compañía' dedícalle o programa ao famoso Xabarín e a toda unha xeración de seguidores

19/06/2017

O porco máis bravo da TVG estará no espazo presentado por David Amor (23.50 h.) para falar dos seus anos en activo lembrando algunhas anécdotas

'Con Amor e Compañía' dedícalle o programa ao famoso Xabarín e a toda unha xeración de seguidores

Santiago, 19.06.2017.-    Noite especial no programa 'Con Amor e Compañía'. Hoxe, David Amor e todo o seu equipo dedícanlle o espazo a toda unha xeración que creceu cun dos programas de maior referencia e impacto na Televisión de Galicia, o 'Xabarín Club', que abriu as súas portas a toda unha cultura musical, cinéfila e do cómic da época ata hoxe en día.   

O espazo infantil, que fai 23 anos, ten unha xeración de seguidores que creceu con el. O club sigue sendo un referente nos rapaces galegos e na actualiade conta con case 150.000 socios. Dará proba diso unha convidada especial, Moira, unha cativa que recibirá en directo o seu carné de socia.

Pero o que non podía faltar nesta cita é o propio Xabarín. O porco máis bravo da TVG estará no programa para falar dos seus anos en activo lembrando algunhas anécdotas. Moitas bandas foron as que colaboraron co programa e actuaron nas famosas XabaXiras, que percorreron cidades e vilas galegas, creando así a Xeración do Rock en galego. Testemuñas diso foron os outros convidados da noite, os cantantes Javi Maneiro e Silvia Superstar, que falarán desa época e dos seus novos proxectos.