CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG entra hoxe nas bambolinas do "Panorama Deluxe Tour 2018", a xira dunha das orquestras galegas máis importantes

10/09/2018

A través das súas actuacións, dos testemuños dos seus integrantes e das impresións do público, os espectadores irán coñecendo un espectáculo cheo de novidades e sorpresas para os seguidores da formación (22.00 h.)

A TVG entra hoxe nas bambolinas do "Panorama Deluxe Tour 2018", a xira dunha das orquestras galegas máis importantes

Santiago, 10.09.2018.-   A deste luns será a noite da Panorama na TVG, que ofrecerá un programa especial sobre unha das orquestras máis importantes e con máis historia, que consegue unha asistencia de público masiva en cada unha das súas actuacións.

Os espectadores da TVG poderán gozar esta noite cun dos concertos, concretamente o de Betanzos, que a orquestra ofreceu dentro do seu Deluxe Tour, unha xira chea de novidades e sorpresas para os seguidores da formación, que se converteu nun dos espectáculos do verán.

A posta en escena da orquestra Panorama sempre destacou polo seu impresionante despregamento de medios audiovisuais, pero o tour deste ano conta cunha montaxe sobre o escenario totalmente nova, con máis pantallas e iluminación e cun deseño ao máis alto nivel, ao que se suma un vestiario, un repertorio e unhas coreografías en que destaca a innovación para crear un espectáculo totalmente sorprendente.

“A Noite da Panorama” inclúe entrevistas co director da orquestra, Lito Garrido, coa acróbata e bailarina Reyna Fabiana, cos cantantes Mario Álvarez, Daira Monzón e Natalia Méndez, co guitarrista Lote, coas bailarinas Eli Soal e Adriana Díaz, co teclista Carlos Oubiña, co baixista Giorgio e co montador Jhoni.

A través deles e das impresións do público en distintas actuacións, os espectadores da TVG irán coñecendo a xira Deluxe da Panorama neste 2018.