CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comezan as emisións das obras finalistas do oitavo premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

26/05/2014

Cristina Domínguez é a responsable das adaptacións radiofónicas de Explotados, Para o norte, A guerra silenciosa e A primeira vez

A Radio Galega emite ao longo de dúas semanas as catro obras de teatro radiofónico selecionadas nesta oitava edición

Comezan as emisións das obras finalistas do oitavo premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Santiago, 26.05.2014.-  A Radio Galega emite desde hoxe ata o 6 de xuño as catro obras finalistas do VIII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que organiza a Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, patrocinadora do certame. Coa adaptación radiofónica de Cristina Domínguez, un elenco integrado por seis actores e actrices – Mónica García, Machi Salgado, Marcos Correa, María Llanderas, Aaron Gómez Gallego e César Goldi- pon voz aos personaxes dos textos Explotados, Para o norte e A guerra silenciosa

Este ano, por vez primeira na historia do certame, emitirase a adaptación radiofónica realizada polo autor ou autora dunha das finalistas: A primeira vez, que se acolle ao punto 7 da bases, segundo o cal "os autores/as que o desexen poderán enviar co texto as gravacións das dramatizacións en soporte de CD. As gravacións non serán tidas en conta na valoración dos textos teatrais polo xurado pero si serán emitidas, de seren finalistas os textos, pola Radio Galega para a votación da audiencia en lugar da dramatización realizada polo equipo artístico”. 

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, promovido pola emisora pública desde o ano 2006, pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.

A dramatización das obras tamén estará dispoñible proximamente para a súa escoita a través da páxina web da Compañía de Radio Televisión de Galicia, www.crtvg.es. Ao longo de dúas semanas, os oíntes poderán votar para elexir a obra que recibirá o Premio da Audiencia. Na segunda semana de xuño decidirase tamén cal das catro finalistas recibirá o Premio do Xurado.

Cada unha destas dúas categorías conta cunha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, as catro obras finalistas serán publicadas nun libro-CD dentro da colección Teatro Radiofónico.

Na foto superior, dramatización dunha das obras finalistas dunha gala pasada do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.