CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comezan as emisións das catro obras finalistas do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

04/12/2017

Santiago Cortegoso é o responsable das adaptacións radiofónicas de Andrómenas soa moi antigo, Alianzas, Psicofonías e Proxecto Tempo  

A Radio Galega emite ao longo de dúas semanas as catro obras de teatro radiofónico seleccionadas nesta undécima edición

Comezan as emisións das catro obras finalistas do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Santiago, 04.12.2017.- A Radio Galega emite desde o 4 ao 15 de decembro as catro obras finalistas do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que organiza coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, patrocinadora do certame. Coa adaptación radiofónica de Santiago Cortegoso, un elenco integrado por cinco actores e actrices –Salvador del Río, Victoria Teijeiro, Fernando Dacosta, Marián Bañobre e Iria Sobrado- pon voz aos personaxes dos textos Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde; Alianzas, de Avelina Pérez; Psicofonías, de Marcos Abalde Covelo, e Proxecto Tempo, de Clara Gayo.

A dramatización das obras tamén estará dispoñible para a súa escoita a través da páxina web da Compañía de Radio Televisión de Galicia, www.crtvg.es. Ao longo de dúas semanas os oíntes poderán votar para elixir a obra que recibirá o Premio da Audiencia. Tras as emisións decidirase tamén cal das catro finalistas recibirá o Premio do Xurado.

Cada unha destas dúas categorías conta cunha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, as catro obras finalistas serán publicadas nun libro-cd dentro da colección de Teatro Radiofónico.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico promovido pola radio pública no ano 2006 pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.