CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O novo espazo da Radio Galega 'Convivir Deportivo' chega esta semana a Chantada e Rodeiro

17/10/2017

O xoves gravarase ás 18.00 h. no Auditorio da localidade lucense e o venres, no Centro Cultural Manuel Lamasales do concello pontevedrés, en ambos os dous casos aberto á participación do público

Alfonso Pardo presenta cada venres, ás 21.00 horas, este espazo, unha achega ao deporte desde o punto de vista social

O novo espazo da Radio Galega 'Convivir Deportivo' chega esta semana a Chantada e Rodeiro

Santiago, 17.10.2017.-   O programa da Radio Galega 'Convivir Deportivo', que arrancou o venres pasado como unha edición especial de 'Convivir', comeza esta semana a súa xira por Galicia para trasladar a distintas localidades as súas historias relacionadas co deporte, pero desde o punto de vista social.

Así, o espazo presentado por Alfonso Pardo gravarase este xoves 19 de outubro, ás 18.00 h., no Auditorio de Chantada, un acto que estará aberto á asistencia de público e que contará coa participación do porteiro do CD Lugo, Roberto Fernández. Esta edición do programa será ofrecida o venres ás 21.00 h.

O día 20, o espazo da Radio Galega trasládase ao concello pontevedrés de Rodeiro, concretamente ao Centro Cultural Manuel Lamasales, onde se realizará unha nova edición do programa ás 20.00 h. Ao igual que no caso anterior, a RG galega anima os seus oíntes desta localidade a participar na gravación de 'Convivir Deportivo'.

Esta nova aposta da emisora pública galega pretende abrir unha fiestra ao deporte desde a mesma óptica que o programa de actualidade social 'Convivir', que lle dá acubillo os venres ao deporte base e a historias de superación e voluntariado, entre outros contidos.